As Rías Baixas reciben máis da metade dos barcos en tránsito que chegan a Galicia
Por Redacción
Máis da metade dos 2.547 barcos en tránsito que chegaron aos portos galegos no primeiro semestre de 2018 atracaron en instalacións portuarias das Rías Baixas, segundo recolle o balance que fixo público Portos de Galicia.
En rolda de prensa, o presidente deste organismo, José Juan Durán, explicou que os portos de titularidade autonómica na provincia de Pontevedra recibiron 1.714 barcos en tránsito durante os seis primeiros meses do ano.
O Monte Real Club de Iates de Baiona rexistrou o maior número de embarcacións destas características, con 214 barcos en tránsito; seguido dos portos deportivos de Baiona e Combarro (Poio), con 190 e 148 barcos respectivamente.
A nivel autonómico, con todo, o porto máis visitado foi o de Muros con 354 chegadas.
José Juan Durán afirmou que estes datos demostran que esta actividade está "consolidada" nos portos galegos, xa que tras o "importante" ascenso rexistrado os últimos anos, a chegada destes barcos "está a consolidarse".
Con respecto a esta actividade, o conxunto dos portos autonómicos han experimentado no primeiro semestre unha subida do 9% con respecto ao ano anterior.
O presidente de Portos de Galicia destacou o impacto económico que ten esta actividade no sector portuario e náutico "pero tamén no conxunto dos municipios que acollen estas instalacións náutico recreativas".
Para seguir promocionando os portos galegos, engadiu Durán, Portos de Galicia seguirá realizando presentacións das instalacións náuticas galegas a nivel nacional e internacional.