A Xunta e o sector náutico selan unha alianza en Poio
Por Oskar Viéitez
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural (AGADER), Miguel Ángel Dubois, e o presidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), Manuel Soliño, presentaron este xoves en Poio dous proxectos europeos: Ecodestin_3In e Capiten, nos que a Xunta e o sector náutico alíanse cun convenio de colaboración ata 2020 para a posicionar a Comunidade como un destino náutico referente a nivel internacional.
A través de Ecodestin_3IN, Galicia busca consolidarse como destino náutico os 365 días do ano mediante a creación, promoción e comercialización de 50 novos produtos vinculados coa cultura do mar, a náutica recreativa e o patrimonio natural da Comunidade galega.
O produto estrela do proxecto son os Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia, que precisamente este xoves tiveron unha saída desde Combarro instantes antes da sinatura do convenio.
Ecodestin_3IN traballará para mellorar esta experiencia ao incluír entre as súas accións a preparación dos portos para que sexan viables como puntos de saída e escala de minicruceiros e convertelos en portos inclusivos grazas ao apoio das novas tecnoloxías.
Por outra banda, co apoio da Xunta ao segundo dos proxectos, Capiten –no que ademais se inclúen 18 socios de Francia, Reino Unido, Irlanda, España e Portugal–, impúlsase a creación do Clúster Náutico. Capiten tamén traballa para converter os portos galegos en puntos de información turística, atraer a Galicia novos turistas nacionais e internacionais e facer extensiva a experiencia dos Minicruceiros Costeiros polas Rías ao norte de Galicia.