Sanxenxo celebra esta fin de semana o Campionato Mundial de Colchonetas
Por Redacción
Sanxenxo celebra o domingo 22 de xullo a décima edición do Campionato Mundial de Colchóns inchables. Os organizadores, a Asociación O Cubreiro, aseguran que a praia da Panadeira xa se encuenta "nas mellores condicións" e ademais de ter xa todos os preparativos listos "contrataron" bo tempo.
Este ano ademais, aínda que a inscrición sempre foi e será gratuíta, desde a organización indican que tanto os participantes como o público asistente poden traer alimentos non perecedoiros, para doalos a Cáritas, ou penso para animais para doalo á asociación de animais rueiros APIS de Sanxenxo.
Ademais de que os participantes demostren as súas calidades deportivas, cada vez prémiase máis o sentido do humor para escoller un disfrace e un colchón que os distinga dos seus adversarios. Así é que cada ano auméntanse a cantidade de premios para os mellores disfraces, por exemplo no caso do mellor disfrace en grupo este ano ademais do primeiro premio habitual, contará cun segundo e un terceiro.
A Asociación O Cubreiro informa que "a inscrición comeza hora e media antes da carreira e termina media hora antes do seu comezo". Ademais faise a entrega de dorsais e tómanse as medidas de seguridade oportunas. Mentres os participantes que o desexen, tanto antes como despois, poden pasar polo photocall do evento.
Antes da saída, todos os participantes quentan ás ordes da organización, cun show que arranca os sorrisos tanto dos "colchonetistas" como do público que espera impaciente o comezo de cada carreira. O público sitúase tanto na praia como ao longo de todo o paseo, participando activamente dos bailes e ximnasia previa á toma da saída por cada categoría.
Como nas edicións anteriores, haberá tres carreiras xa que os participantes dividiranse en tres categorías. A partir das doce e media (12:30) tomarán a saída os nenos menores de 10 anos, ao finalizar entregaranse os premios na praia.
Media hora despois, terá lugar a proba para a mocidade de 10 a 14 anos, os premios daranse unha vez finalizada a carreira tamén no citado areal. A carreira de adultos está prevista para as unha e media.
A organización espera conseguir mesmo máis éxito de participación que nos anos anteriores. En 2017 foron preto de 260 as persoas que se animaron a participar nesta peculiar proba lúdico-deportiva.
O que empezou sendo unha reunión divertida entre amigos está a consolidarse como un dos acontecementos sociais do pobo sanxenxino, onde se ve a evolución sobre todo dos participantes onde algúns empezaron participando na de nenos e hoxe en día xa participan na de adultos.