O Concello reformula os usos das hortas urbanas e saca a concurso as 57 parcelas municipais
Por Redacción
As 57 parcelas de hortas urbanas que ten o Concello de Pontevedra na Finca do Conde da rúa Conde Bugallal e no barrio de Monte Porreiro estarán rexidas a partir deste verán por novas bases reguladoras de usos que permitirán que a súa xestión se coordine desde unha nova concellería -antes correspondía a dúas- e se optimice a súa utilización.
O concelleiro de Medio Ambiente Natural, Alberto Oubiña, explicou este xoves que ata agora unha parte das hortas comunitarias dependían de Benestar Social e outra parte da súa concellería, pero pasará a aglutinalas todas o seu departamento a través dunha reformulación de usos que entrará en funcionamento este mesmo ano.
Tras elaborar as novas bases, agora chega o momento de sacar a concurso as parcelas. O Concello abre un prazo dun mes para que as persoas interesadas poidan presentar as súas solicitudes. Será entre o 23 de xullo e o 22 de agosto e poderán presentarse tanto no rexistro municipal como a través da sede electrónica do Concello.
Á hora de elaborar as bases reguladoras o Concello tivo en conta as suxestións das persoas usuarias das hortas na actualidade. Unha delas é que a entrada dos novos adxudicatarios se producise a finais de outubro ou principios de novembro, para permitir a recollida dos cultivos de verán que plantaron e coidado durante estes meses e que se prevé que estarán listos para a súa recolección no outono. O Concello terao en conta e calcula que a adxudicación será para esa data.
Á hora de adxudicar as parcelas entre as persoas solicitantes darase prioridade ás persoas que están a usar as hortas na actualidade e, unha vez que todas elas teñan as súas hortas, repartiranse o resto por sorteo entre o resto de demandantes. En todo caso, tanto os que xa están a utilizar as 52 parcelas en uso na actualidade como os novos interesados terán que cumprir os requisitos previos e optar ao concurso.
Os solicitantes deberán ser maiores de 18 anos, estar empadroados en Pontevedra, non ser expulsados do programa con anterioridade e estará en condicións de poder traballar o terreo que se lle asigne. Ademais, darase prioridade ás persoas que demostren que están vinculadas ao Centro de Información á Muller (CIM) e ao departamento de Benestar Social Municipal.
En virtude deste novo regulamento, as hortas adxudicaranse por un período de dous anos prorrogable outros dous. As persoas usuarias poderán estar un máximo de catro anos utilizando a parcela e logo entrarán nun período de cadencia de dous anos para poder volver entrar na repartición de terreos.
Os actuais usuarios, fundamentalmente mulleres de entre 40 e 50 anos, pero cada vez máis homes, tamén suxeriron ao Concello que adoptasen medidas inmediatas previas a esa nova adxudicación. Unha delas é a retirada dun plátano de sombra que hai na actualidade na Finca do Conde. A árbore está a tapar unha das parcelas, de modo que a efectos prácticos a inutiliza.
Oubiña explicou que outra das suxestións dos usuarios pasa pola instalación dun composteiro comunitario nesa horta da Finca do Conde.
Relacionadas:
-
Abre o prazo para solicitar unha horta urbana en Monte Porreiro e na Parda
Por Redacción |
-
Os veciños de Monte Porreiro estrean as súas hortas urbanas
Por Redacción |
-
Adxudicados provisionalmente 59 hortos en Monte Porreiro e Finca do Conde
Por Redacción |
-
Estudan ampliar as hortas urbanas da cidade ante o gran número de solicitudes
Por Redacción |
-
A agricultura ecolóxica adéntrase na cidade a través das hortas dos Gafos
Por Redacción |
-
A Federación Castelao ofrece hortas urbanas no Gorgullón para plantar verduras e hortalizas
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
A alegría de deixar plantado
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |
-
28 mulleres e sete homes serán os agricultores da horta urbana de Finca do Conde
Por Redacción |