O Porto de Marín acolle a maior descarga da súa historia nun só barco
Por Redacción
O porto acolle a maior descarga da súa historia nun só barco. Trátase do buque One Energy que chegou a Marín esta fin de semana para deixar 70.600 toneladas de millo. É un rexistro récord histórico que ata agora ostentaba o barco Ioannis Zafirakis cunha descarga de 69.600 toneladas en 2008.
O buque, procedente de Lisboa, conta con 229 metros de eslora, 32,29 de manga e 14,50 de calado. Está previsto que opere durante unha semana no Peirao Comercial Oeste.
O Porto de Marín está a vivir unhas semanas moi intensas en canto ás descargas de graneis agroalimentarios. Precisamente esta fin de semana finalizaron as operacións doutro gran graneleiro: o Achilleus, que deixou en porto 44.000 toneladas de cereal. Así, ata o mes de maio vén rexistrando un incremento do 36,56% no tráfico de graneis con respecto ao mesmo período do ano anterior, sobre todo no que se refire ao capitulo de "Cereais e as súas fariñas".
Este porto é un gran centro loxístico de recepción e distribución de graneis agroalimentarios, un dos tráficos que neste porto conta con certificación europea de calidade. A terminal de graneis do porto conta con tres atraques que suman máis de 700 metros lineais con calados de ata 15 metros.
Ademais ten unha gran capacidade de almacenamento cuberto a pé de peirao, con 25.000 metros cadrados de almacén. Dispón de cargadeiro ferroviario e está equipada con guindastres pórtico, tolvas ecolóxicas, silos e dous potentes guindastres móbiles.
Relacionadas:
-
O Porto de Marín amplía o Posto de Inspección Fronteirizo cun investimento de 600.000 euros
Por Redacción |
-
Unha avaría obriga a utilizar por primeira vez o anel de condución de auga entre Pontevedra e Marín de Acuaes
Por Redacción |
-
Marín prepárase para poñer en marcha o viveiro de empresas
Por Redacción |