O Porto de Marín amplía o Posto de Inspección Fronteirizo cun investimento de 600.000 euros
Por Redacción
O Porto de Marín xa conta con novas instalacións ao finalizar as obras de ampliación do Posto de Inspección Fronteirizo (PIF), que incrementa a súa capacidade para atender o elevado número de mercadorías que, nos últimos anos, están a chegar ao recinto portuario. Con estes traballos ampliáronse os peiraos de carga, a superficie de antecámaras e a das salas de inspección.
Con estas melloras facilítanse os labores dos servizos de Sanidade Exterior, Sanidade Vexetal, Sanidade Animal e SOIVRE (Servizo Oficial de Inspección, Vixilancia e Regulación do Comercio Exterior), cunha mellora no tránsito do persoal nas instalacións portuarias.
Agora, o PIF conta con 10 peiraos de carga. Auméntase en máis dun 65% o anterior espazo de traballo. A superficie de antecámaras crece un 60% e as salas de inspección increméntanse nun 25%.
A zona na que se inspecciona a pesca conxelada e outras mercadorías para o consumo humano conta agora con sete peiraos de carga, duplicando o espazo operativo para a descarga de contedores. Ademais instalouse un guindastre para o manexo de grandes peces.
Todos estes traballos están acompañados pola modernización e mellora dos vestiarios, dos accesos e zonas de espera. A obra alcanza os 600.000 euros, recollidos no Plan de Investimentos da Autoridade Portuaria e o seu proxecto, aprobado pola Comisión Europea.
As melloras, segundo a Autoridade Portuaria, permitirán fortalecer a axilidade na atención da industria do frío do Porto, que dispón de máis de 260.000 metros cúbicos de almacenamento frigorífico, máis de 500 conexións reefer na terminal de contedores sendo un importante concentrador de tráfico de froita no Arco Atlántico.