A Plataforma SOS Castiñeiras urxe á Xunta un plan de intervención no Parque Forestal de Castiñeiras
Por Redacción
Máis dunha vintena de asociacións, colectivos políticos e comunidades de montes uníronse para constituír a Plataforma SOS Castiñeiras, que este venres presentábase publicamente. Este movemento quere denunciar o abandono no que se atopa este espazo cheo, segundo afirman, de silveiras e de valos derrubados. Quéixanse da perda de auga en tempo de seca na lagoa e da falta de coidado das árbores da contorna.
A plataforma ten previsto actuar no terreo social promocionando o parque forestal de Castiñeiras e no institucional, demandando ás administracións competentes solucións inmediatas e a medio prazo para revitalizar a zona.
Neste sentido, reclaman á Xunta de Galicia un plan de actuación para a conservación, o mantemento, a limpeza e a promoción do parque forestal. Os integrantes entenden que é o goberno galego quen debe tomar decisións políticas e administrativas sobre un parque que se atopa entre os concellos de Marín e Vilaboa, con varias comunidades de montes como propietarias.
Urxen unha solución á perda de auga da Lagoa, cando se trata dun dos poucos puntos de aprovisionamento de auga para os helicópteros e servizos contra incendios que existen na zona. A falta de auga actual impide que se poida realizar este traballo xusto coincidindo co inicio da tempada de incendios.
Sinalan a falta de coidado do xardín botánico e das zonas arborizadas, a senda de terra conta con varios puntos en mal estado, o mobiliario atópase deteriorado, falta sinalización e os baños públicos non se poden usar por falta de limpeza e mantemento.
Indican tamén que a Xunta incumpre o convenio asinado en 2001 coa comunidade de montes de Vilaboa, por un período de 30 anos, que obrigaba á administración autonómica a realizar un plan anual de actuación nas máis de 20 hectáreas conveniadas. A pesar de que se alertou á Consellería de Medio Ambiente esta situación, non se obtivo resposta.
Esta plataforma ten previsto organizar un programa de actividades reivindicativas e de denuncia para que as administracións responsables leven a cabo un traballo de conservación e promoción deste espazo natural.
As comunidades de montes de Salcedo, San Xulián, Santomé e Vilaboa; varias asociacións culturais e veciñais da contorna; agrupacións políticas e clubs deportivos forman parte deste movemento que esixe a recuperación deste espazo natural.
Relacionadas:
-
Salcedo celebra o domingo a súa Festa da Veciñanza Comuneira
Por Redacción |
-
Marín estrea novos paneis informativos no lago de Castiñeiras e no centro urbano
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG demanda que a Xunta repare o dique do lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Decenas de persoas claman "SOS Castiñeiras" cunha andaina reivindicativa
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Os comuneiros de San Martiño de Vilaboa lembran á Xunta que debe coidar o Lago de Castiñeiras
Por Redacción |