Medio Ambiente busca concienciar aos pontevedreses sobre a reciclaxe de envases
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Medio Ambiente márcase o obxectivo de que os galegos interioricen a separación e reciclaxe de envases no seu día a día.
A iniciativa Recicla, respira e supérate. Únete ao reto, impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración con Ecoembes, chegou á cidade do Lérez co fin de fomentar a reciclaxe de envases lixeiros pola vía da concienciación.
Varios técnicos medio ambientais percorren as rúas para que os cidadáns da Boa Vila melloren polo menos nun 10% a porcentaxe das achegas que fixeron ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) no mesmo período do ano anterior.
Se o concello de Pontevedra é capaz de incrementar esa porcentaxe, tendo en conta os datos do mesmo período do ano anterior, recibirá como recompensa 2.000 euros, unha cantidade que poderá destinar á causa social que elixa.
Ademais desta acción de rúa, tamén se fixeron outra serie de actuacións días atrás, como a instalación temporal dun contedor xigante amarelo na Praza de Ourense e a realización de graffitis no chan mediante unha técnica non agresiva que permite que a pintura desapareza ao cabo dunhas semanas.