O PSOE quere concienciar sobre o abuso na utilización de plásticos
A oceanógrafa pontevedresa Laura Fontán Bouzas lanza un chamamento ante as graves previsións científicas onde alertan de que en 2050 haberá máis plásticos que peixes nos océanos.
A situación xa é preocupante na actualidade ao detectar a especies mariñas con elementos plásticos no seu organismo e, en moitas ocasións, provocan a morte de peixes, golfiños ou tartarugas que quedan atrapadas por este material. Cada minuto utilízanse un millón de bolsas de plástico no mundo e a súa degradación comeza a producirse pasado medio século.
Ante esta situación, o Partido Socialista, a través da concelleira Paloma Castro, presentará unha moción no próximo pleno para reclamar a posta en marcha de campañas de concienciación dirixidas á cidadanía de Pontevedra, que promova a diminución do uso de bolsas plásticas dun só uso e non biodegradables no municipio.
Desde a agrupación municipal queren facer partícipes aos comercios para diminuír o uso deste tipo de bolsas plásticas a través da colaboración das asociacións de comerciantes. E reclaman tamén que o Concello utilice, como fórmula exemplificadora, bolsas biodegradables ou reutilizables.
O PSdeG xa presentou no Parlamento unha proposición de lei reclamando un imposto sobre as bolsas de plástico dun só uso e pide ao Concello de Pontevedra que apoie esta iniciativa.
En Pontevedra, segundo os últimos datos de Ecoembes correspondentes a 2016, recicláronse 650 toneladas de envases lixeiros de plástico, uns 7,8 quilos por habitante ao ano e depositábanse 22,1% de materiais impropios nos contedores para plásticos e bricks. A cifra é inferior aos 8,3 quilos de plástico que se reciclan en Vigo por habitante, aos 10 que se recollen no municipio de Lugo e aos 11 quilos por persoa de Ourense.
Paloma Castro reclamou que estas cifras revértanse para que Pontevedra pase a ser un municipio que destaque en canto a reciclaxe de plásticos.