Unha revisión oficial do censo electoral de Cerdedo-Cotobade revela a existencia de 200 persoas en situación irregular
Por Oskar Viéitez
Lina Garrido, portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Cerdedo-Cotobade, informou que unha revisión oficial do censo electoral do municipio revelou a existencia dunhas 200 persoas en "situación irregular".
A revisión no censo electoral de Cerdedo-Cotobade foi feita "ao pouco tempo da fusión" entre ambos concellos e detectou "diferentes irregularidades". Segundo informan os socialistas, en marzo do ano 2017 o Concello de Cerdedo-Cotobade recibiu unha comunicación do Instituto Nacional de Estadística (INE) onde se amosaba un listado de perto de 200 persoas que ían causar baixa no censo electoral por ter datos incorrectos, sobre todo erros no Documento Nacional de Identidade (DNI).
Lina Garrido relatou que dende ese momento o concello enviou unha notificación a todos os veciños afectados para que subsanasen as deficiencias a través dunha carta certificada, pero en vistas a que non aparecían ditos censados, xa que a maioría non costaba no domicilio notificado, no mes de maio o Concello viuse obrigado a publicar o listado no BOP e no taboleiro de anuncios das dependencias municipais.
Transcorrido o prazo de exposición ó público (un mes) ningún dos censados subsanou a súa situación. Como resultado o censo de Cerdedo-Cotobade se ve "minguado" en 200 persoas.
A voceira do PSdeG sinala que tampouco se subsanaron as deficiencias existentes dado que había xente, por exemplo da parroquia de Caroi (Cotobade) censadas en Cerdedo con anterioridade á fusión, "e onde vivían realmente estas persoas? incluso teremos que saber se estaban censados en varios sitios para exercer o dereito a voto", afirma Lina Garrido.
"Esto significa que realmente no censo de Cerdedo-Cotobade existían máis de 200 persoas en situación irregular exercendo o dereito a voto, censados en domicilios falsos e con datos erróneos que foron detectados grazas á revisión de oficio por parte do Instituto Nacional de Estadística", explicou a socialista.
Lina Garrido cre que no goberno local "deberían estar preocupados pola situación" e critica que non teñan comunicado estes feitos.