O PSOE pide que o INE investigue a desaparición de 200 veciños de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A portavoz de Xustiza do grupo socialista no Parlamento de Galicia, a deputada pontevedresa Patricia Vilán, levará á Cámara galega unha petición para que o Instituto Nacional de Estadística (INE) abra unha investigación sobre a "repentina desaparición" de 200 veciños que figuraban no padrón dos concellos de Cerdedo e Cotobade antes da fusión e xa non están logo da unión oficial entre os dous municipios.
Vilán compareceu nunha rolda de prensa coa voceira do grupo municipal socialista de Cerdedo-Cotobade, Lina Garrido, e advertiu que as irregularidades destapadas no censo municipal poden ter efectos tanto na prestación de servizos para os veciños coma no reparto de escanos da Deputación de Pontevedra, a pesares de que a Xunta negou inicialmente a alteración dos partidos xudiciais.
As socialistas ven "de risa" as explicacións dadas pola directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia cando se abordou este tema no Parlamento e critican que os responsables locais tampouco ofreceron información sobre esas 200 persoas que o Concello non consigue localizar, ben por figurar algún erro no DNI ou ben por constar unha dirección inexistente.
De persistir esa actitude que considera "obstrucionista", Lina Garrido amosouse disposta a acudir ao Valedor do Pobo, mentres que Patricia Vilán instou á Xunta a interesarse por esta situación e tomar as pertinentes medidas.