O PP forza un pleno extraordinario para "paralizar" o plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular solicitou un pleno extraordinario para "paralizar" o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, deseñado para impulsar a compostaxe como forma de xestión do lixo na provincia.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou en rolda de prensa desta solicitude presentada polos populares indicando que a sesión plenaria "celebrarase a finais de maio en cumprimento dos requisitos de convocatoria, prazos e demais que establece o regulamento".
Carmela Silva mostrou a súa "profunda tristeza" pola actitude "vergoñosa" do PP "que está "a mirar para outro lado" en canto ao cumprimento da directiva europea vixente de residuos establece que en 2020 cada Estado membro debe chegar a unha taxa de reciclaxe do 50%. Segundo a presidenta "non teñen ningún proxecto" para "concienciar á cidadanía" e cumprir coas taxas de redución e resolver este " gravísimo problema da sociedade".
"Están moi equivocados se cren que van obter algún beneficio electoral", dixo Silva.
A presidenta da Deputación lamentou que "ao Partido Popular non lle interesa o medio ambiente" porque "eles están a outras cousas" e adiantou que o Goberno provincial continuará co seu traballo.
O portavoz do Partido Popular, Anxo Moldes, xa adiantara a súa intención de solicitar este pleno extraordinario para reclamar ao Goberno bipartito que dea explicacións do que, segundo dixo, son "uns malos resultados" do Plan Revitaliza.
Moldes sostén que "Pontevedra é a provincia galega na que máis aumentaron os residuos da bolsa negra que se envían a Sogama a pesar de que a súa poboación baixou". Segundo os datos que ofreceu o PP, entre 2015 e 2017 aumentaron en doce toneladas, un 3% máis, mentres que no conxunto de Galicia creceron un 1,5%, en Ourense un 0,1%, na Coruña un 0,3% e en Lugo un 1,6%.
Entre outros argumentos, o PP tamén critica que a Deputación leve investidos "case seis millóns de euros en tres anos" e, a pesar diso, "os resultados son negativos e os recibos do lixo non se reducen".
Relacionadas:
-
Todos de acordo, foi un pleno innecesario
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os populares din que criticar o Plan Revitaliza non é estar en contra da compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Os concellos xa poden solicitar subvencións para contratar mestres composteiros
Por Redacción |
-
Os populares cren que o BNG busca "cómplices" para "compartir o fracaso" do plan de compostaxe
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez |
-
O BNG pediralle á Xunta que colabore coa Deputación nos seus plans de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pontón ve o plan de compostaxe de Pontevedra como unha "referencia" internacional
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |