Todos de acordo, foi un pleno innecesario
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O pleno da Deputación de Pontevedra rexeitou unha moción do Partido Popular que pedía paralizar o plan provincial de compostaxe, coñecido como Plan Revitaliza. Foi durante a sesión celebrada este martes con carácter extraordinario a petición do PP, nunha decisión moi criticada polos grupos que conforman o goberno provincial, Partido Socialista e BNG, e tamén polo deputado da Coalición Electoral SON.
Todos eles sinalaron a innecesaridad de forzar a celebración dun pleno extraordinario cando este venres a corporación volverá reunirse noutra sesión plenaria.
Tamén se lembrou o custo que ten a celebración dun pleno, estimado nuns 6.650 euros entre dietas e outros conceptos. Cada deputado sen adicación exclusiva cobra 475 euros por asistir ao pleno, aínda que este dure media hora, como foi hoxe o caso.
O portavoz do grupo provincial do PP, Ángel Moldes xustificou a celebración do pleno na "falta de explicacións por parte do Goberno provincial" que leva investidos "seis millóns de euros en tres anos" neste programa "que é un fracaso" dados os "malos resultados" ofrecidos por Sogama, que apuntan que entre 2015 e 2017 Pontevedra foi a provincia galega na que máis aumentaron os residuos sólidos urbanos que se envían á planta de Cerceda. Concretamente, aumentaron un 2,6%.
Por este motivo, na moción do PP pedíase a paralización do plan e do gasto vinculado a este, a creación dunha comisión de alcaldes da provincia na que se acorde un proxecto de compostaxe provincial e, por último, iniciar unha auditoría que avalíe os resultados do Revitaliza en relación ao gasto incorrido e a evolución dos residuos sólidos urbanos na provincia desde a súa posta en marcha ata a actualidade.
Todos estes puntos foron rexeitados, contando unicamente cos votos a favor dos 12 deputados do PP. Ángel Moldes insistiu en que "no Partido Popular estamos a favor do compostaxe" pero non apoian o Plan Revitaliza "un plan estrela que acabou estrelado", indicou.
Na súa intervención o deputado Xosé Lois Jácome, da Coalición Electoral SON, cualificou de "falacia argumental" relacionar os datos de Sogama co impacto do Plan Revitaliza "coma se fosen causa-efecto" algo que, na súa opinión, "non se sostén". Segundo Jácome este plan "está a dar resultados" como destacou o movemento Zero Waste Europa ao designalo como mellor experiencia ambiental de España "só este recoñecemento xa nos debería dicir algo".
O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera, criticou que os populares nunca se quixeron informar sobre este plan, "non hai peor ignorante que o que non quere saber, que é o seu caso" e acusoulles de ser uns "temerarios" pola súa oposición a unha "iniciativa pioneira" que é un "referente en toda Europa".
No seu discurso Mosquera sinalou que este problema está provocado por "ruedines" que, segundo definiu son: "os favoritos de Rueda. Cargos públicos do PP de pouca consistencia e escaso criterio, afeccionados a polemizar con argumentos contraditorios ou banais", dixo.
O deputado portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, tamén rexeitou o "discurso destructivo del PP" e afirmou que a Deputación está a implementar un modelo de xestión dos residuos ante as "ausencias y falta de acción política" da Xunta e do Estado en materia ambiental, cando "debería ser una prioridad" xa que estamos "muy alejados" das novas obrigacións que marca a normativa europea sobre residuos e economía circular, que fixa que en 2025 se recicle un 55% de todos os residuos urbanos.
Finalmente, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, interveu fóra do debate para facer un recoñecemento público a César Mosquera pola súa "valentía" como impulsor e artífice deste plan provincial de compostaxe.
Relacionadas:
-
Tres millóns de euros para darlle un pulo á compostaxe no que queda de ano
Por Redacción |
-
En 2020 os concellos terán que compostar ou recoller os biorresiduos de xeito separado por lei
Por Redacción |
-
Os populares din que criticar o Plan Revitaliza non é estar en contra da compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O PP forza un pleno extraordinario para "paralizar" o plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares cren que o BNG busca "cómplices" para "compartir o fracaso" do plan de compostaxe
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez |