Cambados amosará a súa oposición á sentenza xudicial polo caso da Manada cunha aperta á Naiciña
Por Redacción
O colectivo A Naiciña de Cambados organizou para este domingo 29 de abril ás 20.00 horas unha concentración para manifestar a súa oposición á sentenza do tribunal da Audiencia de Navarra no caso da Manada. Este colectivo de mulleres considera o fallo inxusto e cualifica á xustiza española como "patriarcal".
Por este motivo, o colectivo decidiu concentrarse ao entender que o medo non pode someter ás mulleres e provocar que se cuestionen a súa liberdade. "Nin cinco nin un home ten dereito a decidir sobre nós. Non é non", sinalan desde esta agrupación.
Fan unha invitación a que todas as persoas do municipio se acheguen ata a praza de Asorey fronte á escultura da Naiciña, emblema cambadés da muller galega.
Durante este acto está previsto que se lea un manifesto e vestirase á imaxe da Naiciña co lazo violeta, símbolo da loita das mulleres. Ademais está previsto dar unha aperta colectiva á figura.
Tamén se anima aos asistentes para levar material reivindicativo como pancartas, globos, debuxos e demais obxectos que expresen os sentimentos ante esta sentenza xudicial.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra pide ao pleno que rexeite a sentenza de "La Manada"
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas amosará na rúa o seu rexeitamento á sentenza contra 'La Manada'
Por Redacción |
-
O pleno da Deputación aproba o novo protocolo de prevención do acoso laboral, sexual e por razón de sexo
Por Oskar Viéitez |
-
Indignación en Pontevedra pola sentenza contra 'La Manada': "Non é non. O resto é violación"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |