Máis de 1.200 palilleiras xuntaranse o domingo no Recinto Feiral
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá este domingo 29 de abril a décimo terceira edición do Encontro de Palilleiras, un evento que xuntará a máis de 1.200 artesás de toda Galicia.
A presidenta da asociación A Fieitiña, Esperanza Martín, destacou que este encontro é o "maior e o mellor" que se celebra na comunidade.
As palilleiras traballarán en vivo de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas no Recinto Feiral, onde tamén haberá unha exposición dos traballos realizados polas socias da asociación e que este ano xirarán arredor das catro estacións, ademais de outros traballos.
Entre estes últimos haberá unha colección de encaixes feitos por unha muller rusa e que chegan a Pontevedra da man do seu fillo.
O Encontro de Palilleiras de Pontevedra terá unha vertente solidaria. A Asociación Española Contra o Cancro terá unha mesa no recinto co fin de informar sobre o seu labor e recadar fondos e neste eido A Fieitiña dooulles catro cadros que serán sorteados ese día.
A Asociación A Fieitiña de Monte Porreiro traballa a prol da recuperación e posta en valor da arte de palillar e do encaixe de bolillos pero, sen dúbida, a súa maior achega e da que están máis orgullosas é do paso que deron de "sacar o encaixe a rúa".
Bolsos, abanicos, paraugas, corpos de vestidos, colos de camisa, prendedores do pelo ou colgantes amosan, segundo destacaron, que o encaixe é unha arte viva, todo elo sen deixar de lado os usos máis tradicionais da roupa de cama ou cortinas.