1.200 artistas dos palillos ensinan a maxia dos seus dedos no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Redacción
A espectacularidade da imaxe dos palillos baténdose regresaba este domingo ao Recinto Feiral do Pazo da Cultura con motivo do tradicional Encontro de Palilleiras de Pontevedra, que alcanza a súa décimo terceira edición.
A asociación A Fieitiña de Monte Porreiro, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, logrou reunir a 1.200 artesáns, na súa maioría mulleres, que traballaron de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 no interior do recinto creando as súas pezas de encaixe. Alí instalouse tamén unha exposición das obras realizadas polos socios do colectivo organizador. Estes traballos centrábanse principalmente nas catro estaciones do ano.
A mostra tamén permitiu ver unha colección de encaixes elaborados por unha cidadá rusa. O seu fillo trasladounos a Pontevedra para exhibilos neste encontro. Tamén se mostraban bolsos, paraugas, prendedores do pelo, colgantes, cortinas e martas, ademais doutras pezas sorprendentes que demostran que o encaixe de palillos está de moda.
A Asociación Española contra o Cancro (AECC) estivo presente tamén nesta cita para recadar fondos na axuda dos pacientes que forman parte desta agrupación. A asociación A Fieitiña doou catro cadros para colaborar de maneira solidaria con esta causa.