O novo centro de recuperación de fauna silvestre estará en funcionamento a finais do verán
Por Redacción
O novo complexo integral de recuperación e repoboación de Cotobade estará en funcionamento a finais deste verán. Así o adiantou este luns a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha visita ás obras de execución do novo Centro de Recuperación de Fauna Silvestre en Cotobade, ás que o Goberno galego destina máis de 470.000 euros e que previsiblemente rematarán en xuño.
Aclarou que o novo centro, xunto coa piscifactoría de Carballedo, constituirá un complexo ambiental pensado para a recuperación de aves silvestres e para o tratamento doutras especies que se atopen feridos ou enfermos, como réptiles e mamíferos especialmente; e tamén para o repoboamento do salmón, troita e reo, como xa se fai dende o centro actual de Carballedo.
Coa confluencia nun mesmo espazo dos centros de recuperación e repoboación de especies garantirase a eficiencia dos recursos, ademais de que porá o foco no Concello de Cerdedo-Cotobade en canto á atención á fauna, argumentou Beatriz Mato.
O novo centro de recuperación de fauna silvestre constará de dúas instalacións próximas: a primeira edificación, de 286,89 metros cadrados totais, estará destinada á recepción dos animais, tratamento e atención veterinaria; e a segunda, de 554,48 metros cadrados, para a recuperación inicial dos animais e outros servizos necesarios que garantan os coidados durante a súa estancia no centro.
A primeira das instalacións, de recepción e tratamento de animais, terá dúas plantas. Así, na planta baixa situarase unha consulta con zona de raios X, tres UCIs para mamíferos, aves e animais infecciosos, outra para mudas e, finalmente, unha sala de crías. Tamén, na planta baixa, atoparase a recepción e a oficina de administración, un aseo e a cociña. Pola contra, no primeiro andar, instalaranse dous vestiarios, un almacén e unha sala para o persoal do centro.
A segunda instalación, con máis de 550 metros cadrados, será o lugar onde os animais comecen a súa recuperación. Esta instalación distribuirase en dúas estancias para mamíferos, dez azoreiras, unha sala de cría de roedores, un almacén para alimentos, outro almacén xeral, unha zona de lavado de aves, catro cámaras de voo, catro estancias para aves nocturnas, unha zona de muda e unha sala para necropsias.