O PSOE reclama medidas para evitar a condensación no Pavillón de Deportes de Tenorio
Por Redacción
A agrupación municipal do PSOE de Cerdedo-Cotobade alerta da situación preocupante que vén rexistrando durante os meses de inverno no Pavillón Municipal de Deportes de Tenorio.
A condensación que se rexistra nestas instalacións provocou, segundo os socialistas, que se teñan cancelado partidos, adestramentos e mesmo o uso que habitualmente realizan os escolares do CEIP de Tenorio para a práctica de educación física neste espazo deportivo.
Este tema foi levado ao último pleno municipal a través dunha moción presentada polos socialistas, á que o Partido Popular votou en contra e o presidente de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela explicou que está prevista o investimento nos próximos meses de ao redor de 40.000 euros para a instalación dunha xanela e de máis iluminación de tipo led.
Con todo, os socialistas lamentan que non se contemple unha solución para o problema da condensación.
Sinalan que xa se utilizaron diferentes plans tanto estatais como provinciais para tentar resolver esta incidencia, pero seguen sen atopar a solución. Desde o PSOE critican que Jorge Cubela comprometeuse hai 7 anos a resolvelo ante as entidades deportivas cando era candidato á alcaldía e, ata o momento, segue sen liquidalo.
Os socialistas recollen o enfado dos usuarios e veciños de Tenorio, que se queixan de que a condensación provoca que a pista deportiva apareza mollada e sexa causa de mancaduras ao provocar que se esvare cando se realiza algunha actividade física sobre a súa superficie.