Alertan da falta de seguridade no pavillón de Tenorio pola condensación
Por Redacción
Os problemas de condensación que presenta o pavillón de Tenorio, que converte o pavimento en algo máis parecido a unha pista de patinaxe que a unha cancha de fútbol sala, centra a atención da corporación municipal de Cerdedo Cotobade. A líder da oposición e portavoz socialista, Lina Garrido, alerta que a pesar dos arranxos acometidos a humidade que se xera estes días na instalación municipal fai imposible a realización de actividades físicas.
"As condicións meteorolóxicas actuais fan que a práctica deportiva teñan que ser suspendidas sistematicamente", asegura Garrido, cuxa agrupación presentará unha moción no próximo pleno para instar o rexedor a realizar un estudo exhaustivo da situación do pavillón e valorar se realmente é posible atopar unha solución a este problema que leva anos suscitando as queixas dos usuarios. Critica ademais que "se compromete a arranxalo en períodos electorais, mesmo a facer unha instalación deportiva nova ou a buscar alternativas inmediatas".
O mal estado desta infraestrutura municipal condiciona os adestramentos dos equipos, ata o punto de chegar a suspender as súas actividades nalgunha ocasión. Pero o suceso máis grave tivo lugar este venres, cando unha nena do colexio de Tenorio sufriu unha caída ao escorregar na cancha pola que tivo que ser trasladada ao Hospital Provincial.