A Xunta engade unha senda peonil en Augasantas ao proxecto da PO-234
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O inicio das obras de remodelación e ampliación da estrada PO-234, entre Augasantas e o cruzamento de Portasouto, veu con sorpresa. A Xunta engadirá ao proxecto a construción dunha senda peonil nas inmediacións da parroquia cotobadesa.
A senda terá unha lonxitude de 700 metros e constará dun ancho de 1,80 metros, segundo anunciaron o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
En total, investiranse 661.000 euros para actuar nun treito de 2,7 quilómetros da estrada.
Cubela cualificou esta actuación de "histórica " tras moitos anos de demanda e amosouse convencido de que mellorará moito a seguridade viaria en dirección a Ponte Caldelas a partires do verán, que é cando se calcula que estea rematada esta primeira fase.
Ademais da visita a esta obra, o presidente municipal e a conselleira mantiveron unha xuntanza de traballo no consistorio de Carballedo na que se abordou a próxima licitación da mellora da PO-230, entre Serrapio e Vichocuntín por 600.000 euros, e o inminente inicio das obras de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo, na que se investirán 330.000 euros nunha primeira fase.
Sobre a mesa estivo a fixación dun cronograma para abordar a restauración das oito restantes canto antes e completar así o proxecto, orzamentado globalmente en 1,1 millóns de euros. Finalmente, a mellora da estrada municipal Caroi-Cerdedo, de 7 quilómetros, tamén foi abordada e xa se atopa na axenda do goberno galego.
Pola súa parte, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, pedíu á conselleira de Infraestruturas que complete este ano as necesarias obras da PO-234. O alcalde participa na visita á primeira fase, entre Augasantas e Portasouto, e mantén a oferta de pagarlle á Xunta as expropiacións. A obra contempla unha pequena mellora no trazado, que pasará a contar con carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 50 centímetros.