Ponte Caldelas denuncia a retirada de 300.000 euros dos orzamentos da reforma da PO-234
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas manifestou a súa preocupación ante a modificación de crédito realizada nos orzamentos da Consellería de Infraestruturas que leva unha transferencia de fondos das partidas da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
Segundo o goberno que lidera o socialista Andrés Díaz, a AXI "meteu as tesoiras" na partida reservada á mellora da estrada PO-234, que une Ponte Caldelas con Augasantas (Cerdedo-Cotobade) para retirar 300.000 euros dos 650.000 que estaban orzamentados para este proxecto.
Desde o Concello se entende que esta decisión explica a lentitude para iniciar as obras no primeiro tramo de Portasouto e a falta de información sobre a licitación e adxudicación do tramo Ponte Caldelas- Laxoso prevista para este ano.
Andrés Díaz lamenta que as obras de Portasouto a Augasantas aínda non comezaron e entende que se debe a que a Xunta se quedou sen diñeiro para pagar as obras este ano. O alcalde mostra a súa preocupación por este recorte a unha obra adxudicada pola cifra de 523.271 euros.
A maior preocupación para o goberno local atópase no segundo tramo, entre Ponte Caldelas e Laxoso. Trátase dunha zona de inseguridade viaria e tanto a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como o director de AXI anunciaron que se licitaría antes de finalizar 2017. Pero Andrés Díaz manifesta que o expediente se atopa parado en Santiago cando a exposición pública do proxecto xa terminara o 30 de agosto.
O rexedor afirma e critica que o diñeiro inicialmente orzamentado para a reforma da PO-234 se vaia a destinar agora ás "escandalosas expropiacións" do novo acceso á Cidade da Cultura desde a autoestrada AP-9. Unha obra que, a través dun convenio entre o Ministerio de Fomento e a Consellería, conta cun orzamento para expropiacións de 6 millóns de euros.
Relacionadas:
-
A Xunta engade unha senda peonil en Augasantas ao proxecto da PO-234
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Xunta reitera a Ponte Caldelas o seu compromiso coa mellora da PO-234
Por Redacción |
-
Realizan o replanteo previo ao inicio das obras de mellora da PO-234
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas leva ata o Comisionado de Transparencia a súa denuncia de caciquismo contra a Xunta
Por Redacción |