A Policía Nacional celebra o seu 194 aniversario orgullosa polo descenso da criminalidade en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, presidiu este venres na Comisaría de Pontevedra o acto institucional da conmemoración do 194 aniversario da fundación da Policía Nacional, no que se destacou a redución da criminalidade na provincia durante o pasado ano 2017.
O comisario provincial principal da Policía Nacional, Manuel Bouzas, declarou que "estou satisfeito co peche do ano, sempre se pode mellorar, non se poden botar as campás ao voo", pero destacou que o índice de criminalidade baixou "case un punto e medio" respecto ao ano pasado. "Isto ten a súa importancia porque son cinco anos seguidos reducindo", quixo precisar o comisario.
Máis en concreto, algúns obxectivos parciais como os roubos en establecementos "sufriron un descenso importante e os de vivenda tamén". Para iso foi crucial a desarticulación dun activo grupo organizado.
O obxectivo para este ano é incrementar a loita contra a delincuencia itinerante "porque nos fai moito dano" e pediu publicamente a colaboración dos establecementos comerciais, para que "traten de poñer medidas para evitar os roubos". Así mesmo fixo un chamamento á cidadanía para que teña coidado coas estafas a través de internet e cos cartóns bancarios.
MALOS TRATOS
Manuel Bouzas tamén se referiu ao descenso de delitos de furto, as agresións sexuais pero lamentou o "pequeno repunte" nos malos tratos "pero hai que matizar", apuntou o comisario provincial, "o pequeno repunte é posible que non sexa porque aumentaron os casos de violencia de xénero senón porque aumentaron as denuncias".
Neste sentido o comisario referiuse ás campañas impulsadas polo Goberno e a propia Policía nas que "se anima e exhorta a que as mulleres denuncien sempre en todos os casos. E ese incremento das denuncias dá esa falsa aparencia dun incremento de casos".
O comisario sinalou que se acaba de convocar unha vacante na Unidade de Familia e Muller (UFAM), un servizo policial integral que presta atención especializada e personalizada ás vítimas de violencia de xénero, doméstica e sexual. Ademais indicou que "se vai a ampliar sobre todo polo tema de protección ás mulleres. É un tema prioritario", subliñou.
TRÁFICO DE DROGAS A GRAN ESCALA
O comisario provincial principal da Policía Nacional tamén lamentou que o tráfico de drogas a gran escala "non decae", aínda que o pasado ano "bateuse un récord importante de aprehensións", xa que se lograron asestar tamén grandes golpes ao tráfico de heroína e cocaína. "A provincia de Pontevedra nese aspecto penso que está ben dotada de medios", destacou Manuel Bouzas.
Segue funcionando o Greco Galicia, a Udyco Pontevedra e de Vigo, "estamos na loita e non imos afrouxar. Evidentemente imos seguir na mesma liña e, se podemos, melloralo", comentou.
OBRAS NA COMISARÍA
O comisario provincial, Manuel Bouzas, anunciou que "a semana que vén vaise reformar toda a fachada desta comisaría". O Concello de Pontevedra concedeu licenza urbanística para esta obra no edificio da rúa Joaquín Costa. "As dependencias melloraron, é obvio", sinalou Bouzas respecto da vella reclamación dos sindicatos policiais.
Neste sentido, o traslado das oficinas de expedición do DNI permitiron a disposición de máis espazo e agora "estamos en fase de reestruturación de despachos. Espazo non falta".
En canto á necesidade de ampliar o persoal "vemos a luz ao final do túnel", dixo o comisario. A día de hoxe a comisaría de Pontevedra conta con 9 alumnos en prácticas, "que son policías integrais" e hai unha promoción numerosa que está en Ávila "máis a que empezan a examinar que é máis numerosa aínda", o que "nos fai pensar que o problema de recursos humanos mellore de forma ostensible".
"A crise económica e o parón na oferta de emprego público evidentemente fíxonos dano desde o punto de vista de recursos humanos pero vexo a luz ao final do túnel", destacou Bouzas. Finalmente, en canto á equiparación salarial da Policía Nacional e da Garda Civil co doutros corpos policiais autonómicos "vén ben aos policías e evidentemente aos comisarios tamén", chanceou.
"Satisfainos, á organización, que o ministro de interior está en sintonía con esa demanda" dixo en referencia ao documento que Juan Ignacio Zoido entregou aos sindicatos de policía e ás asociacións da Garda Civil no que xustifica a decisión de equiparar os seus salarios cos das policías autonómicas. "Penso que é unha demanda xusta e ademais ratifícamo o noso ministro que está de acordo con iso e estou convencido de que poñerá a solución para acabar con iso", concluíu.
Relacionadas:
-
A Policía Nacional rende tributo aos seus xubilados e conmemora o seu 196 aniversario
Por Redacción & Natalia Puga |
-
A Comisaría está de celebración: 195 anos con Policía Nacional, 40 con mulleres no Corpo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A comisaría loce nova imaxe... e sen filtracións
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Denuncian a "gravísima escaseza" de policías en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A fachada da comisaría, en obras
Por Natalia Puga |
-
A Xunta implica ás asociacións de veciños nunha campaña de prevención da violencia de xénero
Por Mónica Patxot & Redacción |