A Policía Nacional rende tributo aos seus xubilados e conmemora o seu 196 aniversario
Por Redacción & Natalia Puga
O inspector xefe José Emilio Morgade Lopo, o oficial Antonio Felicísimo Pena Iglesias, o oficial Enrique Espiño Nodar, o policía José Ramón Quiroga Novoa, o policía Manuel Fernández Barreiro, o policía Abilio Teijeiro Pumares, o policía Antonio Barreiro Carnota, o policía Manuel Silva Gómez, o policía Ramiro Hermida Sanmartín e o policía Ramón Carballo Villar. Eles foron este mércores os grandes protagonistas do acto celebrado no salón de actos da Comisaría Provincial de Pontevedra.
A Policía Nacional celebrou os actos conmemorativos do 196 aniversario da creación do Corpo e aproveitou para render recoñecemento aos axentes xubilados durante o ano 2019 (os dez citados), para entregar encomendas e medallas á dedicación policial a cinco axentes aínda en activo en Pontevedra, Marín, Vilagarcía e Salvaterra e para saldar unha débeda pendente con Antonia Josefa Varela.
A Josefa Varela tiñan previsto renderlle homenaxe o pasado 2 de outubro, con motivo da conmemoración dos Anxos Custodios, pero non foi posible porque faleceu un mes antes. Non querían que quedase sen recoñecemento e este mércores entregáronlle unha metopa á súa filla, Irene, que asistiu emocionada ao acto.
Josefa Varela traballou como funcionaria na Unidade de Estranxeiría e todos os compañeiros deste departamento quixeron homenaxeala. Estivo unida a esta unidade desde 1971, cando entrou como ordenanza con tan só 14 anos, e durante décadas acompañou aos policías adscritos, anos de servizo nos que quen a coñeceu destaca a súa "alegría, saber hacer, vitalidad, compromiso y dedicación", en palabras da comisaria provincial, Estíbaliz Palma.
En relación cos axentes xubilados, os dez recibiron un diploma de recoñecemento polos seus anos de servizo. A comisaria destacou que lles chegou un "merecido descanso después de décadas", en moitos casos máis de catro, de uniforme. Fixo un percorrido pola evolución da Policía Nacional desde os anos 70, a época da ameaza terrorista que souberon "superar con entrega y lealtad", importantes cambios lexislativos e épocas de poucos recursos nas que traballaron "en silencio, mal formados, mal tratados, mucho peor pagados" e, a pesar de todo demostraron unha gran "vocación de servicio".
Maica Larriba fixo gala da súa faceta de historiadora e lembrou as orixes da Policía Nacional, creada como Policía do Reino por Fernando VII e os seus case dous séculos de historia, ata chegar á época actual, na que recoñece que "las condiciones de trabajo de los últimos años han sido difíciles" para os axentes e que tiveron que "aguantar muchas carencias". Aseguroulles que desde o Goberno central son "conocedores de la situación" e poñerase todo o empeño necesario para a súa "corrección".
A subdelegada do Goberno aproveitou para agradecer a especial empatía dos policías coas vítimas da violencia machista, unha "lacra asesina que mata a las mujeres por el hecho de serlo" e destacou que o seu labor é a primeira liña de defensa das vítimas".
O acto, presidido pola subdelegada e a comisaria provincial, contou coa presenza do coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal, e de mandos e axentes da Comisaría Provincial.
Relacionadas:
-
A Comisaría está de celebración: 195 anos con Policía Nacional, 40 con mulleres no Corpo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Policía Nacional celebra o seu 194 aniversario orgullosa polo descenso da criminalidade en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A comisaría de Pontevedra estrea unha unidade especializada de atención á familia e á muller
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |