A Comisaría está de celebración: 195 anos con Policía Nacional, 40 con mulleres no Corpo e nove novos xubilados
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Este mércores había moito que celebrar na Comisaría Provincial. No ano no que se celebran o 195 aniversario da creación da Policía Xeral do Reino, berce da actual Policía Nacional, e o 40 aniversario da incorporación da muller ao Corpo, nas instalacións da rúa Joaquín Costa quixeron conmemorar tan sinaladas datas e, de paso, engadir un terceiro motivo á celebración: homenaxear a nove policías que se xubilaron durante o ano 2018.
O salón de actos da Comisaría acolleu un acto íntimo e sinxelo presidido pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; a comisaria xefa provincial, Estíbaliz Palma; e o tenente coronel Manuel Touceda, xefe interino da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Non faltaron outras autoridades policiais, axentes da Policía Nacional e familiares dos homenaxeados.
Aínda que tamén se entregaron condecoracións a funcionarios en activo, o nove recentemente xubilados foron os protagonistas. Recibiron un diploma acreditativo o inspectores xefe Ramón Diaz Rodríguez, Juan Costas Martínez e José Manuel López Sánchez; o inspector Maximino Álvarez González; o oficial de Policía José Suárez González; e os policías José Benito Rodríguez Portela, José Freire López, Luís Lameiro Sánchez e Mario Escudeiro Álvarez.
No seu discurso, a comisaria Palma felicitou a eses ex compañeiros que "han pasado a la envidiable situación de jubilados" e tivo un agradecemento para as catro décadas nas que vestiron o uniforme azul e demostraron que para ser Policía Nacional "hay que estar hecho de una pasta muy especial".
A subdelegada do Goberno agradeceulles o seu traballo, que "fixo de Pontevedra unha cidade máis segura para todos" e deulles as grazas no seu nome e dos cidadáns de Pontevedra polos "riscos inherentes á profesión" e porque é consciente de que especialmente os últimos anos foron "moi duros polos recortes en efectivos e medios". Respecto diso, reiteroulles o compromiso do Goberno de "ir revertendo" esa situación ao longo dos próximos anos.
Especial protagonismo tivo no acto o 40 aniversario da incorporación da muller ao Corpo. A comisaria lembrou ás primeiras 42 "pioneras" e insistiu en que "hoy vemos con admiración cómo unas pocas han roto los techos de cristal y se sientan orgullosas en las mesas de la junta de gobierno policial". Dous das policías da primeira promoción forman parte na actualidade do máximo órgano de decisión da Policía Nacional, a Xunta de Goberno.
Ademais, quixo trasladar o seu parabén para "esas primeras mujeres que han visibilizado y han constatado que de la igualdad no solo se habla y se escribe, que la igualdad se ejecuta".
Relacionadas:
-
A Policía Nacional rende tributo aos seus xubilados e conmemora o seu 196 aniversario
Por Redacción & Natalia Puga |
-
A redada da Policía Nacional no Vao, centrada en poñer coto ao tráfico medio de heroína e haxix
Por Natalia Puga |
-
A Policía Nacional celebra o seu 194 aniversario orgullosa polo descenso da criminalidade en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A comisaría de Pontevedra estrea unha unidade especializada de atención á familia e á muller
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |