As obras da Casa do Pobo de Regodobargo afrontan a recta final
Por Redacción
As obras da Casa do Pobo de Regodobargo afrontan a recta final e, en poucos días, dotarán a este lugar dun local onde a veciñanza poderá celebrar as súas actividades e reforzar a convivencia. O goberno local de Ponte Caldelas cumpre así cos compromisos adquiridos e dá satisfacción a unha vella reclamación popular.
O alcalde, Andrés Díaz, xunto cos concelleiros Alfonso Gutiérrez e Lito Muíños, visitou as obras e comprobou que, a falta dos últimos retoques, todo está xa listo para comezar a gozar deste novo equipamento. A Casa do Pobo era unha das peticións realizadas pola veciñanza de Regodobargo nas asembleas populares abertas celebradas ao comezo do mandato.
As obras, financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación, contaron cun orzamento superior aos 33.000 euros e partiron da necesidade de dar utilidade ao palco que, a pesar dun recente acondicionamento, carecía dun aproveitamento adecuado.
A nova Casa do Pobo inclúe tamén unha pequena cociña e un aseo, polo que se incrementa a súa funcionalidade xusto a tempo para a celebración das distintas actividades do ano, entre as que destaca a celebración da Festa da Troita polas parroquias, prevista para o mes de maio.
A nova Casa do Pobo de Regodobargo ten unha superficie de 76 metros cadrados dos que 64 pertencen á sala común e o aseo, mentres que os 12 metros restantes están ocupados pola cociña.
PODA NA ALAMEDA
A Alameda de Ponte Caldelas, por outra banda, está sendo sometida a un traballo de poda que se vai desenvolver durante toda a semana. Operarios especializados están procedendo a unha corta selectiva das polas máis pequenas para reducir a copa das árbores e sanealas.
A Alameda foi sometida a unha poda hai tres anos e este tipo de traballos deben realizarse periódicamente para controlar a masa arbórea, evitar o seu crecemento descontrolado e sanear as árbores, evitando así enfermidades e problemas.