Regodobargo estrea a súa nova Casa do Pobo
Por Redacción
Os veciños de Regodobargo, na Ínsua, viron cumprida unha das súas demandas históricas: contar cunha Casa do Pobo. Foi posible cunha achega de 33.129 euros por parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O acto de inauguración, que contou coa asistencia de máis dun centenar de veciños da parroquia e coa actuación da charanga Airiños da Fracha, consistiu no descubrimento dunha placa e a visita á exposición fotográfica Regodobargo no tempo. A súa xente e a súa historia, ademais dunha degustación de produtos típicos da zona elaborados pola veciñanza.
Ata a zona achegáronse a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e ao deputado de Cooperación, David Regades.
Na súa intervención, a presidenta puxo en valor "unha obra que pode parecer pequena, pero quero dicir que a veces as cousas pequenas son tan ou máis importantes que as que consideramos grandes".
Este proxecto, engadiu, "será pequeno pero ten un enorme valor porque transformouse nun lugar de encontro para a xente, para que se poidan facer actividades e estean xuntos e xuntas". Ademais, destacou o seu orgullo porque os recursos da Deputación "se dediquen a mellorar a vida da xente".
A actuación realizada en Regodobargo consistiu na reforma dunha edificación xa existente que estaba dedicada a palco de música. En concreto, demoleuse o forxado interior así como lousas e substituíuse a cuberta colocando panel sándwich.
Tamén se construíu unha nova escaleira e unha rampla de acceso en pedra con varanda de aceiro, se colocou un pavimento de gres rústico antiesvarante, se pintaron as paredes e os teitos, se realizou a instalación eléctrica interior e se pechou a edificación (antes aberta) con carpintería de aluminio imitando madeira.