Arranxados os muros de contención de Chaín e Regodobargo
Por Redacción
Os residentes de Chaín e Regodobargo (A Insua) e Xustáns viron solucionados estes días senllos problemas de seguridade viaria que se tiñan presentado polo deterioro producido nalgunhas infraestruturas ou a falta de atención municipal a antigas demandas veciñais.
O Goberno local vén de completar as obras de reparación de tres muros de contención, con risco de desplome sobre viais municipais, e a colocación dunha baranda de protección na marquesiña na que os rapaces de Xustáns agardan polo autobús que os leva ata o colexio da Reigosa.
En Chaín volveuse erguer un muro duns 6 metros de lonxitude por máis de dous de alto que se tiña desplomado parcialmente e ameazaba un vial municipal.
En Regodobargo a situación era aínda máis delicada, pois foi necesario reparar un muro de perpiaño de máis de 8 metros de altura que sustenta outra pista municipal. A terceira estrutura de contención reparada está situada entre a pista e a extrema dunha finca e era obxecto dunha antiga petición veciñal, que data de hai varios anos, e non fóra atendida ata o de agora. De feito, volveu ser reclamada nas asembleas que o Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) mantivo cos veciños dos 33 lugares de poboación do municipio ao comezo deste mandato.
Finalmente, colocáronse barandas de protección aos lados da marquesiña de Xustáns. A existencia dun terraplén a carón das beirarrúas producía situacións de moito perigo todas as mañás durante a espera do autobús escolar. Máis dun rapaz foi xa protagonista dun susto, motivo polo que a veciñanza estaba bastante preocupada.