A Garda Civil incauta medio centenar de vieiras con toxina
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil incautou medio centenar de vieiras vivas no interior dun vehículo cando circulaba pola estrada PO-221, no termo municipal de Moraña.
A aprehensión produciuse a semana pasada no transcurso dun punto de verificación de vehículos que se atopaban realizando os efectivos do posto da Garda Civil de Cuntis, especialmente orientado para a evitar o transporte de materias prohibidas e/ou perigosas.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil, as vieiras circulaban sen ningún tipo de documentación que acreditase a súa lícita procedencia, no interior dun vehículo que tampouco reunía as condicións técnico-sanitarias para este tipo de transporte. O condutor alegou que llas comprara a un descoñecido.
As vieiras, que arroxaron un peso de 10,800 quilos, foron entregadas no centro do servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia en Vilaxoan, onde se levantou a correspondente acta de inspección da mercadoría que, en principio, daría orixe á instrución dun expediente sancionador por contravenir a vixente Lei de Pesca de Galicia, quedando pendente dos resultados analíticos.
Días despois, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño informou do resultado das análises e comunicou que as vieiras non resultaron aptas para o seu consumo por superar os niveis máximos de toxina ASP.
En consecuencia, a Garda Civil iniciou un novo procedemento que deu lugar á investigación do condutor do vehículo e propietario da mercadoría, como suposto autor dun presunto delito contra a saúde pública.
As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución de Caldas de Reis.
Relacionadas:
-
Os gardacostas comisan peixe e marisco ilegal na Illa de Arousa e na Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
"Se non hai quen lles compre é máis fácil evitar que vaian furtivos a pescar"
Por Alejandro Espiño |
-
Os gardacostas estrean un vehículo para loitar contra o furtivismo en Pontevedra
Por Redacción |