VÍDEO.- O compost é un ingrediente máis na cociña do Carlos Oroza
Cociñar con compost podería ser unha ocorrencia tola dun chef moi mediático. E poida que a ninguén sorprendese. De momento, o compost ten outros usos "culinarios" dos que dan boa conta o alumnado e os profesores do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.
Como se explica que o Centro de Hostalería Carlos Oroza leve o compost ás súas cociñas?
A resposta está nun proceso circular que comeza e remata nos propios fogóns. Para coñecelo, contamos coa axuda dos alumnos do 2º curso do Ciclo Superior de Dirección de Cociña, Luis Carballeda e David Blanco, que nos contan no vídeo os segredos do exitoso aproveitamento de todos os restos orgánicos que producen.
Nesta tarefa contan coa axuda da mestra composteira Sofía Rúa, que é a encargada da xestión dos composteiros tanto do CIFP Carlos Oroza como da Cidade Infantil Príncipe Felipe, todos eles dependentes da Deputación de Pontevedra a través do seu Plan Revitaliza. Son centros que xeran unha importante cantidade de biorresiduos. Tanto é así que, en breve, o Carlos Oroza contará cunha ampliación da súa unidade de compostaxe.
Vaia un dato, o día que máis residuos se recolleron no composteiro deste centro de hostalería, acadouse a media tonelada. É unha cifra illada pero que da boa conta da dimensión do volume de lixo que pode xerar un centro profesional.
O éxito da iniciativa é froito dun traballo en equipo. O obxectivo é pechar o ciclo para que os residuos que se xeran nas cociñas volvan integramente ás plantacións que ten o centro. Entre elas, destaca un invernadoiro que tamén visitamos no vídeo da man do profesor Ricardo Fernández. Nel prodúcense especies que logo se incorporarán nas receitas que os alumnos preparan día a día, nas súas prácticas internas e nas xornadas en que a Aula-Restaurante está aberta ao público. Sen dúbida, o mellor test para constatar que a iniciativa é un acerto.
Segundo nos contaba Ricardo Fernández, a importancia deste xeito de aprender é fundamental para os alumnos para que despois trasladen este bo facer á súa vida profesional. Un xeito responsable no que se pon en valor o traballo respectuoso coa contorna.
Relacionadas:
-
O Centro Carlos Oroza presenta candidatura ao distintivo 'Selo Vida Saudable' do Ministerio de Educación
Por Redacción |
-
O alumnado do Carlos Oroza profunda na súa formación sobre a compostaxe
Por Redacción |
-
Os "amigos do estructurante" piden un aplauso para Mosquera
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE cuestiona o plan de compostaxe para Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Os alumnos do Carlos Oroza buscan financiamento para ampliar o seu horto cun invernadoiro
Por Oskar Viéitez |
-
Verduras, hortalizas, herbas aromáticas... a horta de Príncipe Felipe revitalízase coa compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación completa a primeira fase do Plan Compost Revitaliza "con gran éxito"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |