A Xunta e a Deputación centrarán os seus investimentos para 2018 no Camiño Portugués a Santiago
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa centrarán os investimentos da Xunta e da Deputación de Pontevedra para 2018. Esta é unha das conclusións da segunda reunión da Mesa do Camiño de Santiago, celebrada este luns no Pazo Provincial.
Nela, participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro; o director xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez; ademais de representantes dos concellos polos que discorren as rutas xacobeas (Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno): Barro, A Estrada, A Guarda, Lalín, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior, Tui e Vigo, así como o presidente da Fundación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva deu conta das accións que se van a desenvolver de maneira "coordinada" en 2018 "centradas en todas as áreas de posta en valor do Camiño" con programas de dinamización cultural, iniciativas de promoción en feiras e en redes sociais, accións para escolares ou exposicións divulgativas, que potenciarán estas rutas pontevedresas.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, avanzou na reunión os "numerosos recursos" que o plan director do Camiño de Santiago 2018 da Xunta investirá no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa, con diferentes accións de mellora tanto nos trazados como nos seus recursos e infraestruturas, a súa promoción e divulgación que "supoñerán un antes e un despois".
Na reunión acordouse solicitar ao Ministerio de Fomento, como parte da liña de traballo iniciada, seguir profundando na implementación de novas medidas de seguridade que favorezan a peregrinación, prioritariamente na estrada nacional N-550, entre outros puntos conflitivos cuxos proxectos están a ser tratados polos técnicos de Fomento.
Carmela Silva informou que a Deputación xa actuou en Tomeza (Pontevedra), está a actuarse no municipio de Barro e que proximamente se asinará un convenio para actuar nas estradas provinciais polas que discorren as rutas xacobeas.
Ademais Silva citou outros aspectos abordados na mesa como a mellora da sinalización e a mellora dos servizos.
No que vai de ano fixeron o Camiño Portugués máis de 58.500 peregrinos
A directora de Turismo de Galicia tivo oportunidade tamén de repasar algunhas das accións desenvolvidas ao longo deste ano, como as melloras nos albergues para os peregrinos con diversidade funcional ou iniciativas promocionais que divulgaron estas rutas entre axentes, xornalistas ou blogueiros de países como Irlanda, China o Brasil.
Nava Castro destacou que os itinerarios oficiais en Pontevedra multiplicáronse por dous o pasado ano grazas á aprobación da nova lei do patrimonio cultural de Galicia e que o Camiño Portugués xa é o segundo máis elixido polos peregrinos despois do Camiño Francés.
En concreto, no que vai de ano fixeron o Camiño Portugués máis de 58.500 peregrinos, un 17,8% máis que no mesmo período do 2016. No caso do Camiño Portugués da Costa, a subida é de ata o 181%, ao pasar, coa súa oficialización, de 2.600 peregrinos a máis de 7.200.
Relacionadas:
-
Ferida leve unha peregrina que foi atropelada en Alba
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O Concello de Pontevedra recibirá a Insignia de Ouro do Camiño Portugués
Por David Arana & Mónica Patxot |
-
Acordo unánime no Parlamento para mellorar a seguridade viaria no Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Wi-fi de balde no Camiño de Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta en Fairway as seis rutas a Compostela que transcorren polas Rías Baixas
Por Redacción |