O Concello de Pontevedra recibirá a Insignia de Ouro do Camiño Portugués
Por David Arana & Mónica Patxot
Este 2018 cúmprense 25 anos desde a creación da Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués de Santiago. Para celebralo, puxeron en marcha un programa centrado en rememorar a primeira ruta realizada no ano 1993, e que comezará cunha gala conmemorativa no Teatro Principal de Pontevedra o xoves 19 de abril. Nela impoñerase a Insignia de Ouro ao Concello de Pontevedra polo apoio á Asociación ao longo do seu cuarto de século de existencia, segundo comentaba o presidente Tino Lores.
A actividade principal destes actos de celebración será a realización do Camiño Portugués a Santiago reflectindo a ruta que realizaron no ano da creación da asociación. A realización da ruta será aberta para todas as persoas que queiran participar, tan só sendo necesario pagar o prezo do billete de autobús que lles levará aos puntos de saída de cada etapa, e que deberán retirar no Albergue de peregrinos ata o xoves previo a cada unha delas. O horario será o seguinte:
- 7 de abril, Tui - Porriño
- 14 de abril, Porriño - Redondela
- 21 de abril, Redondela - Pontevedra
- 28 de abril, Pontevedra - Caldas de Reis
- 5 de maio, Caldas de Reis - Padrón
- 12 de maio, Padrón - Milladoiro
- 17 de maio (Día das Letras Galegas), Milladoiro - Santiago
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías encomiaba o gran fluxo turístico que supón o Camiño Portugués para Pontevedra, do que se benefician na súa maior parte o sector hostaleiro e os albergues e que enche a cidade de visitantes non só de Europa, senón tamén americanos, surafricanos e asiáticos. A concelleira falou da próxima creación de dous novos albergues de peregrinos que axudarán a aumentar a ocupación. Os actos de celebración finalizarán no mes de novembro coa celebración da cea-baile da Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués de Santiago.
Relacionadas:
-
As andainas de Amigos do Camiño Portugués comezan a súa peregrinación
Por David Arana |
-
O grupo socialista pide a creación dun albergue de peregrinos na ponte do Burgo
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
A Xunta e a Deputación centrarán os seus investimentos para 2018 no Camiño Portugués a Santiago
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |