Desarticulan un grupo criminal que operaba no sur da provincia e seguen a investigar os roubos na comarca
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Tres persoas galegas foron detidas pola Garda Civil como presuntos integrantes dun grupo criminal que cometeu 21 roubos en vivendas de Tomiño, Tui, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Ponteareas, ademais de 6 máis na zona de Valença do Miño, en Portugal, onde residía o xefe que se atopaba fuxido da xustiza española por outros delitos.
É o resultado da investigación denominada 'Catalpa' desenvolvida polo grupo de patrimonio da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
A subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, o tenente coronel da Comandancia de Pontevedra, Manuel Touceda e o capitán Diego García explicaron este martes as distintas intervencións realizadas durante os últimos meses para esclarecer a autoría dos roubos rexistrados en vivendas do rural. Con todo, Manuel Touceda indicou que estes roubos non gardan relación cos que se produciron na comarca de Pontevedra ao longo do mes de novembro.
O grupo criminal detido nesta operación asentábase na localidade de Mos co cerebro operando na localidade portuguesa de Valença do Miño. Durante a investigación comprobouse como obtiñan información sobre as vivendas que escollían. Normalmente vixiaban os domicilios susceptibles de ter obxectos de valor, vivendas unifamiliares, afastadas de núcleos de poboación.
O botín que buscaban era principalmente xoias e ouro, porque lles resulta máis fácil revendelos. Estes tres detidos adoptaban numerosas medidas de seguridade para evitar ser capturados cos efectos roubados. Escondíanos en zonas boscosas preto das casas roubadas e así evitaban os controis que realizaba a Garda Civil en busca dos obxectos.
Despois o material era posto á venda a través de páxinas web, aplicacións móbiles e grupos de venda de redes sociais. A Garda Civil realizou xestións tamén con establecementos de compra-venda de artigos, xoias e ouro. Aquelas persoas que puideron identificar os obxectos xa puideron ir recuperando algunhas das súas pertenzas. Neste sentido, a Garda Civil e a Subdelegada do Goberno recomendan ter fotografías do material susceptible de roubo para facilitar a súa identificación.
Nos rexistro domiciliarios realizados nas vivendas das persoas investigadas atopáronse numerosos electrodomésticos, ferramentas, maquinaria agraria, teléfonos móbiles, computadores, televisores e unha escopeta subtraída dunha vivenda en Salceda de Caselas.
Manuel Touceda recoñecía que ao longo do mes de novembro rexistrouse unha onda de 54 roubos con violencia en domicilios da provincia. Sinala que algúns destes roubos poderán esclarecerse con estas detencións pero outros estarían relacionados con grupos itinerantes que actúan na provincia.
Neste sentido, o tenente coronel destacou o traballo dos axentes que permitiu deter 11 persoas na última semana relacionadas con 140 roubos en vivendas na provincia, entre os que se atopan estes tres últimos detidos.
Os responsables da Garda Civil recomendan manter as cancelas das vivendas pechadas porque os ladróns adoitan comprobar que non hai ninguén no domicilio para en apenas media hora realizar o roubo accedendo ao domicilio a través da rotura dun cristal ou da porta.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A Garda Civil atopa nunha nave de Meaño material roubado en vivendas das Rías Baixas
Por Redacción |
-
A Garda Civil desarticula en Pontevedra un grupo criminal especializado en roubos en gasolineiras
Por Redacción |
-
A investigación pola vaga de roubos no rural "en breve dará sus frutos"
Por Natalia Puga |
-
O rural de Pontevedra e comarca, pasto dos ladróns
Por Redacción |