O rural de Pontevedra e comarca, pasto dos ladróns
Por Redacción
A Policía Nacional e a Garda Civil recibiron na última semana preto dunha decena de denuncias por outros tantos roubos rexistrados en domicilios. Todos teñen varios trazos en común, dos que o principal é que se produciron en casas do rural de Pontevedra e a súa comarca. Ademais, en todos eles levaron como botín principal diñeiro e xoias.
As coincidencias no modus operandi de todos os roubos levaron aos investigadores e valorar, como unha das hipotésis das investigacións abertas, que poidan ser todos ou case todos autoría dun grupo organizado. Fontes policiais indicaron que as pescudas están en marcha e mantéñense abertas todas as hipóteses, pero una delas é que se trate dunha banda itinerante que se desprazou a Pontevedra e leva días actuando.
Fontes da Policía Nacional de Pontevedra confirmaron que na última semana ten constancia de cinco roubos en parroquias do rural do Concello de Pontevedra, dos que dous foron en casas de Tomeza, un no lugar de Valladares da parroquia de Marcón e un en Carballal, en Salcedo.
Fontes da Garda Civil indicaron que na súa zona de influencia recibiron denuncias na última semana por dous roubos en Poio, un no municipio de Meis e outro no lugar de Moreira, en Soutomaior. En todos eles, como nos rexistrados na zona de competencias da Policía Nacional, os ladróns accederon forzando portas e/ou xanelas e, unha vez no interior, levaron obxectos de valor, xoias e diñeiro en efectivo tras deixar todo o interior revolto.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A Garda Civil atopa nunha nave de Meaño material roubado en vivendas das Rías Baixas
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Desarticulan un grupo criminal que operaba no sur da provincia e seguen a investigar os roubos na comarca
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A investigación pola vaga de roubos no rural "en breve dará sus frutos"
Por Natalia Puga |
-
Novos casos en Bora e Poio elevan a unha quincena os roubos no rural nas dúas últimas semanas
Por Natalia Puga |