Luz, auga e a xestión do lixo custarán case 17 millóns de euros en 2018
Por Alejandro Espiño
Aos poucos vanse coñecendo máis detalles do borrador de orzamentos que preparou o goberno municipal para 2018. Se hai uns días, o Concello detallaba as grandes cifras e os investimentos previstos, agora coñecemos a desagregación dos principais gastos que o concello terá que afrontar o próximo ano.
O Concello volverá reservar unha cantidade notable, preto de 17 millóns de euros, para sufragar os seus tres principais contratos: a subministración eléctrica, o abastecemento de auga -que inclúe tamén o saneamento- e o servizo de recollida de lixo.
Así, o servizo que máis se encarece é a auga. Pontevedra consignará nos seus orzamentos 6,3 millóns de euros para facer fronte ao novo contrato, uns 500.000 euros máis que ata agora. Esta cantidade, en todo caso, podería reducirse en función das ofertas que presenten as empresas que optarán a xestionar un servizo que se adxudicará en 2018 por vinte anos.
Séguelle, en contía, o contrato de recollida de lixo. O Concello prevé pagar 5,8 millóns por este servizo, unha cantidade lixeiramente inferior á deste ano. A este diñeiro habería que sumar outros 2,2 millóns de euros, o custo que se lle pagará a Sogama polo tratamento dos residuos sólidos urbanos.
Outros 2,4 millóns sairán das arcas municipais para custear a subministración eléctrica de todas as dependencias municipais -incluídos os colexios ou o polígono do Campiño- e a iluminación pública. A iluminación das festas, que inclúe entroidos, as festas de verán e nadal, levarán outros 230.000 euros.
O resto dos servizos que xestionan empresas privadas apenas sofren modificacións. O servizo de axuda domiciliaria, que tamén será licitado este 2018, custará case 1,4 millóns -salvo que as empresas oferten menos-; para a recadación de multas resérvanse 932.000 euros, para os xardíns outros 613.000 euros e para o guindastre case 520.000 euros.
Para persoal destinaranse 21,9 millóns, 600.000 euros máis que en 2017, pola subida de soldo do 1% decretada polo Goberno central para este ano e a previsión de que en 2018 aprobará un novo aumento do 1,5%
1,4 MILLÓNS PARA FESTAS
Pontevedra investirá en 2018 un total de 1,4 millóns de euros para festas. Así, 940.000 euros destinaranse ás festas de verán, incluídas as Festas da Peregrina, mentres que outros 145.000 euros máis irán para financiar a Feira Franca.
Outros 245.000 euros custarán o resto de festas do ano, entre elas as actividades de reis, entroido ou os maios, e ascenderán ata os 87.000 euros as axudas para os organizadores de actividades festivas nas parroquias do rural. Dentro destas partidas inclúense tamén 40.000 euros para pagar o canon da SGAE.
Ademais, 1,34 millóns de euros será a achega de Concello ao Pazo da Cultura. Outros 460.000 euros irán para a sociedade Turismo de Pontevedra e 131.000 euros para a UNED.
O Concello destinará ademais 2,7 millóns para partidas que destinarán a familias e entidades sen ánimo de lucro. Nelas, 775.000 euros irán para convenios con institucións benéficas e asistenciais, 275.000 euros serán para premios, bolsas e estudos de investigación e a maior parte, 1,6 millóns, serán subvencións a entidades educativas, culturais ou deportivas.
Relacionadas:
-
O contrato da auga, en cuestión
Por Alejandro Espiño |
-
A postura de Marea co orzamento municipal será a de "Junts pel sí o per l'abstenció"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSdeG-PSOE, disposto a absterse no orzamento
Por Alejandro Espiño |
-
O PP ve ao BNG "desconectado" de Pontevedra cun orzamento "malo y continuista"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello buscará a solución "máis acaída" para Barcelos
Por Alejandro Espiño |
-
Propoñen ao Concello aforrar 38.000 euros suprimindo o "convenio taurino" nos orzamentos de 2018
Por Redacción |
-
María Rey non negociará co BNG o orzamento municipal
Por Redacción |
-
A metade dos investimentos municipais para 2018 será no rural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |