Propoñen ao Concello aforrar 38.000 euros suprimindo o "convenio taurino" nos orzamentos de 2018
Por Redacción
Rescindir a achega pública ao convenio de aluguer da praza de touros é a reiterada proposta da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas para "garantir un apoio cero ás corridas en Pontevedra, dificultando así a súa continuidade na localidade".
Os abolicionistas insisten na súa idea achegando agora outro argumento, o aforro de máis de 38.000 euros que a medida supoñería para as arcas municipais.
Desde Galicia, Mellor Sen Touradas sinalan que este equipamento segue "infrautilizado" e aseguran que "supuxo desde o ano 2000 un desembolso superior aos 780.000 euros, que foron a parar ás contas bancarias dos promotores da feira taurina e capeas varias".
Así, os abolicionistas expuxeron como alternativa que o propio consistorio "reordene" as actividades da Feira Franca do próximo ano, derivando parte das recreacións e representacións ás prazas da cidade e prescindindo tamén do uso de animais.
Galicia, Mellor Sen Touradas engade á súa proposición a necesidade de que o pleno da corporación debata a declaración de Pontevedra como municipio "libre de corridas de touros", unha moción simbólica que xa saíu adiante nunha vintena de localidades galegas e nas deputacións da Coruña e Pontevedra.
Finalmente apuntan que "suprimir o acordo taurino das contas locais tamén liberaría fondos para desenvolver políticas sobre respecto animal e convivencia", un aspecto sobre o que outros colectivos animalistas pronunciáronse nos últimos días.
Relacionadas:
-
Propoñen ao Concello que aproveite o convenio de uso da praza de touros para convertela nun 'pipican'
Por Redacción |
-
Mocións contra as touradas en todos os concellos de Terras de Pontevedra
Por Redacción |
-
Luz, auga e a xestión do lixo custarán case 17 millóns de euros en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Piden substituír o uso de animais na Feira Franca por "ética"
Por Oskar Viéitez |
-
Os antitouradas volven esixir na rúa a abolición da tauromaquia en Galicia
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Denuncian ante a Valedora do Pobo o abono taurino para menores da Feira da Peregrina
Por Oskar Viéitez |