Carmela Silva cualifica como "deleznable e inmoral" que o PP ofreza o seu "contacto directo" coa Xunta para "axilizar" as axudas dos incendios

Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou como "deleznable e inmoral" que o Partido Popular ofreza o seu "contacto directo" coa Xunta para "axilizar" a liña de axudas aberta para reparar os danos dos recentes incendios.
Carmela Silva foi informada por dous alcaldes da provincia que chamaron "indignados" ao decatarse de que "o Partido Popular nas súas sedes está a convocar aos veciños con representantes da Xunta de Galicia para axilizar as axudas dos incendios".
A mandataria socialista criticou que o Partido Popular "confunda as institucións onde goberna coa súa organización" e preguntou "desde cando as axudas públicas xestiónanse desde unha sede dun partido político?".
Silva considera "gravísimo" e "indignante" este "escándalo" polo que apuntou que "non entendo como a Fiscalía non investiga ésto".
A presidenta da Deputación fixo un chamamento ao presidente da Xunta de Galicia e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, para "que impida estas actuacións" e lembrou que a información sobre as axudas téñena que prestar os concellos e a propia administración autonómica. Carmela Silva dirixiu a súa mensaxe a Feijóo e non ao presidente do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda, "porque xa sei que non o vai a facer porque el é o que manda facer esto".
"Señor Feijóo ten vostede que paralo", dixo Carmela Silva antes de anunciar que a denuncia desta forma de actuar será trasladada á Cámara galega, ao Congreso dos deputados e ao Parlamento Europeo.
"Nunca vin nada máis escandaloso, chámase caciquismo", concluíu.
RESPOSTA DE RUEDA
O vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente do Partido Popular na provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda, pediu á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "que se aplique o conto nalgunhas reunións que ela tivo" contestando así as acusacións feitas pola mandataria socialista aos populares por "confundir" as institucións onde gobernan coa súa organización política.
Rueda sinalou que estas críticas "non son novas" e explicou que a reunión celebrada na sede do PP de Nigrán onde ofreceron o seu "contacto directo" coa Xunta para axilizar consultas de axudas por incendios "prodúcese porque o Concello non lle reclamou á Xunta de Galicia que fixese ningunha reunión informativa, por tanto foi o Partido Popular a petición de moitos veciños que había alí como podía ser calquera outro partido".
"Se o concello a convocase non sería necesario facer esta reunión polo tanto hai que velo con normalidade", indicou Rueda.
"Nós falamos das axudas da Xunta de Galicia, estaría ben que informasen desas supostas axudas da Deputación tamén para os incendios das que ninguén sabe absolutamente nada", engadiu.