O PP critica que os cartos investidos na compostaxe non reducen os residuos enviados a Sogama
Por Redacción
"O Concello de Pontevedra non só non reduciu o envío de residuos a Sogama, senón que incluso a cantidade viuse incrementada durante varios meses nos últimos dous anos". Esta denuncia fíxoa pública este martes o portavoz popular, Jacobo Moreira, tras coñecer o número de toneladas que o municipio de Pontevedra está a remitir á planta de Cerceda.
Son datos, por outra banda, obtidos a través do Parlamento de Galicia, "tras esperar máis dun mes a que o goberno de Lores remitise esta mesma información que lle solicitamos a principios do pasado mes de outubro", apuntou o edil popular.
Segundo informou o PP, poñendo como referencia os nove primeiros meses do ano, Pontevedra enviou 45 toneladas de residuos orgánicos máis en 2017 que no mesmo período do ano anterior, 2016; e 394,94 toneladas máis que no mesmo período do ano 2015.
"Un exemplo claro da deriva do BNG coa compostaxe", apuntou o edil popular, quen lembrou que "o goberno de Lores leva moitos anos con este asunto sen obter ningún froito máis aló dos gastos que están a ocasionar os experimentos do BNG de Lores coa compostaxe nas arcas municipais".
"Este é o resultado da falta de planificación e de non contar cunha folla de ruta clara sobre a implantación da compostaxe en Pontevedra. Fernández Lores fala dun plan, pero ese plan non é coñecido, polo que máis ben se trata dun plan pantasma que unicamente é empregado como escusa para malgastar cartos públicos", puntualizou Jacobo Moreira, quen lembrou que este mes de decembro cumpriranse dous anos dende que o alcalde de Pontevedra asinou coa comunidade de montes de A Canicouva o contrato para o aluguer dos terreos para a construción dunha planta de compostaxe, "dous anos despois segue sen coñecerse proxecto algún, pero seguimos pagando 25.000 euros anuais á comunidade de montes".
Para os populares "estes datos poñen en dúbida as afirmacións do BNG de Lores asegurando que en Pontevedra xa se está compostando moito".
"Non vemos resultado algún. Os datos demostran o fracaso deste plan pantasma", apuntou Jacobo Moreira, quen lamenta esta situación "pois a fin de contas, como xa dixemos en numerosas ocasións, se algo sae mal, non o pagarán o BNG de Lores, senón que se pagará cos cartos de todos os veciños de Pontevedra", sentenciou.
Relacionadas:
-
O PP acusa ao goberno local de "esconder" os datos sobre os residuos que envía a Sogama
Por Redacción |
-
Mosquera lamenta que o PP estea a "quentar a cabeza" aos veciños dicindo que os composteiros son ilegais
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE pide "sentidiño" coa compostaxe para evitar que se converta nun "pesadelo"
Por Alejandro Espiño |
-
Unha comisión supervisará a instalación de composteiros comunitarios en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Valencia aplaude a proposta de compostaxe descentralizada da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |
-
O PP denuncia "falta de rumbo" na implantación da compostaxe
Por Redacción |