A familia do 'narco' Antonio Caballa "siempre tuvo el dinero en casa" porque "no le gusta tratar con los bancos"
Por Natalia Puga
O narcotraficante de Sanxenxo Antonio Carballa Magdalena, a súa esposa, a súa filla e o seu xenro centraron a súa estratexia de defensa no xuízo que segue contra eles na Audiencia de Pontevedra por branqueo de capitais en asegurar que tiñan moito diñeiro en efectivo porque eran moi aforradores e estaban afeitos a gardar o diñeiro debaixo do colchón. As persoas coas que fixeron negocios dende os ano 80 confirmaron que sempre se movían con 'cash'. Este mércores, na terceira sesión da vista, foron o pai e a irmá do principal acusado os que insistiron neste 'costume' familiar.
A familia de Carballa quere trasmitir ao tribunal que mover miles de euros en efectivo sen pasar polo banco non supón ningunha proba de que se trate de diñeiro que branquexan procedente do narcotráfíco, como sostén o fiscal na súa acusación, e tamén que sempre foi unha familia podente polos seus investimentos e negocios.
O pai do procesado, de 86 anos, tivo que declarar sentado nunha cadeira e a pouca distancia do tribunal polo seu delicado estado de saúde e asegurou que sempre gardara o diñeiro na casa e que, de feito, "no recuerdo cuánto dinero tenía" gardado no seu domicilio. Atribúe todos eses fondos ao seu traballo no campo, en adegas ou en tendas de alimentación, así como á venda de terreos millonarios na época do boom inmobiliario.
Para xustificar que parte do patrimonio que a Fiscalía indica que ten procedencia ilícita é, en realidade, seu, explica que "hice tres casas de piedra, una para cada uno de mis hijos" e que lle deu diñeiro á súa neta Beatriz, tamén imputada, tanto nunha doazón coma nun préstamo.
A súa filla e irmá de Antonio Carballa é a que leva as contas na casa e explicou que o seu pai "siempre tuvo dinero en casa" e que se debe a que "es una persona mayor, no se fía d elos bancos, no le gusta tratar con los bancos". Este patrimonio débese a que "lleva toda la vida trabajando" e dende os anos 60 practicamente non gastou, "mi padre es una persona sencilla, no es de lujos".
Tamén a familia de María Luisa G.I, esposa de Carballa e procesada nesta causa por branqueo de capitais, saíu no seu defensa. O seu irmán deulle á súa irmá no ano 2004 un total de 40.000 euros e, dende entón, dálle 430 euros ao mes cos que estaría a pagar unha vivenda nunha promoción que tiña en plans a súa irmá e que non rematou. Se é o caso, tamén acostuma a ter o diñeiro na casa porque "no me fío de los bancos, y menos hoy en día".
Antonio Carballa estivo en prisión por tres condenas por contrabando e narcotráfico da Audiencia Provincial de Pontevedra e a Audiencia Nacional. A circunstancia era coñecida polos seus coñecidos, familiares e veciños e, de feito, unha das testemuñas que este mércores declarou no xuízo contra el, a súa familia e os seus supostos homes de palla indicou que pedira aos seus fillos que o contratasen na adega familiar tras o seu último paso polo cárcere.
"Este hombre tuvo una desgracia hace muchos años y podía volver a delinquir. Le dije a mis hijos: echadle una mano a este hombre, que lo necesita", revelou este veciño.