Coches, motos e terreos millonarios, todo comprado en cash pola familia de Antonio Carballa
Por Natalia Puga
O terreo Prado Vello, 7.500 euros. Unha moto Yamaha, 8.371 euros. Os terreos Prado Loureiro e Prado de Abaixo, 62.000 euros. Un Audi A3, 15.200 euros. Unha praza de amarre en Combarro, 23.000 uros. Un terreo, 340.000 euros. E todo pagado en cash, a maioría das veces ante notario e en bolsas de plástico. Son adquisicións que realizou a familia do narcotraficante Antonio Carballa e dous dos seus supostos homes de palla a varios veciños da bisbarra do Salnés e sobre as que o fiscal Antidroga, Luis Uriarte, sementa dúbidas sobre a procedencia lícita do diñeiro empregado.
Os datos saíron a relucir durante a segunda sesión do xuízo que se segue na Audiencia Provincial de Pontevedra contra o narcotraficante, a súa muller, a súa filla, o seu xenro e os irmáns Diego e Jonathan Prado Padín como supostos autores dun delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico.
Na primeira sesión, celebrada este luns, os seis acusados mantiveron a súa inocencia e a familia do 'narco' insistiu especialmente en que o diñeiro co que compraron terreos, bens inmobles e vehículos dende 1994 ata que foron detidos pola operación Patas en 2011 non tiña procedencia ilícita, senón que deriva do seu traballo e de que eran moi aforradores, non utilizaban bancos e adoitaban gardar diñeiro en efectivo na casa.
Na segunda sesión pasaron pola sala unha decena de testemuñas que acreditaron que os seis procesados lle compraran propiedades e en todas as compras o pagamento se realizou en efectivo, a pesar de tratarse de varios miles de euros en todos os casos. Non obstante, aos vendedores "no les extrañó" que se pagase 'en cash' porque "lo habíamos negociado así" e porque en case todos os casos os pagamentos se realizaron en máis dunha ocasión. De feito, unha das testemuñas, que vendeu dous terreos por 34.000 e 28.000 euros a Antonio Carballa, reprochou durante a súa declaración que "desde 2006 me fue pagando 9.000 euros al año, pero aún me debe 8.000. Eso es lo que no me parece normal".
Tan só unha das testemuñas, que vendeu a unha das sociedades do tramado, Sanxenxo Urbanizaciones, un terreo por 340.000 euros, explicou que "cuando me dio todo en efectivo me extrañó", pois os compradores lle entregaron "a maior parte do diñeiro" ante notario, sobre 300.000 euros que chegaron nunha bolsa.
Durante as dúas sesións do xuízo fíxose referencia como un dos 'conseguidores' dos negocios inmobiliarios ao pai dos irmáns Prado Padín, o contrabandista Manuel Prado López. Malia todo, o home non está imputado nesta causa.
Ao termo da vista deste martes, o fiscal do caso, Luis Uriarte, explicou que, en realidade, si foi investigado na operación Patas polas que finalmente foron imputados sete persoas (os seis que se sentan no banco e un xa falecido).
Non obstante, no momento no que realizaron as detencións, no ano 2011, estaba en paradoiro descoñecido, de modo que aínda que figura nas investigacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira, non puido ser detido e, polo tanto, tampouco se lle tomou declaración nin foi imputado. Malia todo, seguen tendo datos contra el, e hai ditada unha orde de busca, de modo que Uriarte non descarta que cando sexa localizado se lle xulgue por estes feitos, pero xa nunha peza separada.
Prado López foi detido en agosto de 2011 na operación Espartana, dirixida por un xulgado de Corcubión e que permitiu desarticular unha rede de tráfico de drogas que pretendía traer ás costas galegas 3.000 quilos de cocaína abordo dun barco albanés. Cando foi arrestado, este contrabandista tiña en vigor unha orde de detención por unha presunta fraude na venda de gasóleo.
Relacionadas:
-
A familia do 'narco' Antonio Caballa "siempre tuvo el dinero en casa" porque "no le gusta tratar con los bancos"
Por Natalia Puga |
-
O diñeiro non viña da droga, estaba gardado debaixo do colchón
Por Natalia Puga |
-
Xulgan a Antonio Carballa, a súa familia e outros tres homes de palla por branquexar diñeiro do narcotráfico dende 1994
Por Redacción |