O diñeiro non viña da droga, estaba gardado debaixo do colchón
Por Natalia Puga
O narcotraficante de Sanxenxo Antonio Carballa Magdalena, a súa muller, a súa filla, o seu xenro e os irmáns Jonathan e Diego Prado Padín sentáronse este luns no banquiño dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra por un presunto delito de branqueo de capitais. O fiscal sostén que durante anos branquearon o diñeiro que Carballa obtivera das súas actividades de trafico de drogas polas que foi condenado tres veces.
Os seis negaron a acusación, pero a familia do 'narco' insistiu especialmente en que o diñeiro co que compraron leiras, bens inmobles e vehículos desde 1994 non tiña procedencia ilícita, senón que deriva do seu traballo e de que eran moi aforradores, non utilizaban bancos e adoitaban gardar diñeiro en efectivo en casa.
"Siempre he trabajado con dinero en efectivo. El dinero en efectivo no es ilícito, no es ilegal", insistiu a filla do suposto cabecilla, Beatriz C.G., quen argumentou que o costume de gardar o diñeiro debaixo do colchón vénlle de familia e que agora comparte co seu marido. "Con mi marido, tenemos la costumbre de tener la huchita en casa, todos los meses, cuando cobramos la nómina sacamos dinero para casa, mi marido incluso ha cobrado alguna factura, la ha declarado y lo ha llevado para casa, sin pasar por el banco, en efectivo", explica, para xustificar os fondos cos que comprou, por exemplo, unha praza de amarre no peirao de Combarro.
Este mesmo argumento repíteo cando fala de diñeiro que a ela lle chegou a través do seu avó paterno. Indicou que "ha trabajado toda la vida" e "eran una familia muy pudiente del pueblo, tuvieron la primera televisión, el primer bar...". Do diñeiro que gañou cunha canteira ou de actividades hoteleiras conseguiu un patrimonio que lle permitiu prestar á súa neta 159.000 euros para comprar a leira de Toledo na que construíu a casa na que vive co seu marido e a súa filla pequena.
Tanto Beatriz C.G. como o seu marido e tamén imputado Daniel D.J., aseguran que en ningún momento sospeitaron que o diñeiro que lles prestou o avó tivese procedencia ilícita. De feito, o home declarou que non tivo coñecemento de que seu sogro tivo antecedentes de tráfico de drogas ata que lle detiveron na operación Patas e que, de todos os xeitos, "si lo supiese, no habría cambiado nada, desde que lo conocí en 2005 me ha demostrado que es una persona normal". Este procesado protagonizou un dos momentos centrais do xuízo que comezou este luns e continuará toda a semana na Audiencia, pois ao remate da súa declaración chorou e ata tivo que pedir permiso para saír da sala e acudir ao baño. Saíu coa man na tripa e visbilemente afectado.
A filla de Carballa asegurou que "obviamente" coñecía os antecedentes do seu pai, pero que non ten ningunha dúbida da orixe lícita co que el operaba. "Es mi padre y confío plenamente en él", defendeu, e engadiu que todas as operacións inmobiliarias que realizou a través da empresa Sanxenxo Urbanizacións SL fíxoas "con el pleno convencimiento de que lo que estaba haciendo era una operación legal, lícita transparente". Igual de transparente que o préstamo que lle fixo o seu avó, "prueba de ello es que lo metí en el banco". Pouco despois, chegoulle do seu avó un donativo de 300.000 euros polo cambio de titularidade dunha conta para construír a súa casa.
O Servizo de Vixilancia Aduanera investigou aos seis acusados (un sétimo imputado faleceu durante a instrución do caso) polo espectacular incremento de patrimonio de Carballa e a súa familia e o fiscal Antidroga, Luís Uriarte, sostén que se veu enriquecendo ilícitamente co produto da venda de substancias estupefacientes, creando todo un entramado de persoas interpostas, sociedades e outras formas xurídicas diversas, coa única finalidade de ocultar e evitar que o produto desta actividade ilícita chegase a figurar nalgún momento ao seu nome".
Fronte a esta vinculación directa co narcotráfico, o principal acusado defendeu que trala súa última detención en 1995 non volveu ter relación co tráfico de drogas. "Ni volví ni voy a volver a traficar con droga. Por favor, quiero vivir traquilo. Quiero vivir tranquilo, quiero empezar de nuevo. Se me pone la piel de gallina", indicou, insistindo, en todo momento, en que a súa fortuna fíxoa de pescar, vender viño e traballar nunha bodega por conta allea. Defendeu a súa inocencia e preguntou: "¿uno no puede intentar cambiar de lado?".
A súa muller, María Luisa G.I. tamén defendeu a súa inocencia e asegurou que todo o diñeiro que investiu en comprar dous Audi, un piso na Porteliña ou outras propiedades inmobiliarias procede "de mi trabajo". "Llevo 40 años trabajando en la misma empresa, lo que era el sanatorio la Merced, trabajo de limpiadora",", explicou. E engadiu que nos seus primeiros anos de vida laboral incluso non cobraba a través do banco, senón en efectivo e que tamén gaña diñeiro de estacionar coches nunha leira situada á beira dunha praia en Sanxenxo e de ser aforradora, pois "en mi casa no gastamos en huevos, en carne, en verdura".
O fiscal pide para Antonio Carballa seis anos de prisión e unha multa de dez millóns de euros por un delito continuado de branqueo de capitais. Para a sua muller e a su filla solicita cinco anos de cadea e 3,6 e 1,2 millóns de multa, respectivamente. O xenro e os irmáns Prado Padín enfróntanse a catro anos sen liberdade.
Relacionadas:
-
Condenan o 'narco' Carballa, a súa muller e a súa filla, pero absolven o seu xenro e dous supostos homes de palla
Por Redacción |
-
O 'narco' Carballa lamenta que o seu pasado "arrastre" a súa familia e intenta reinserirse dende 1995
Por Natalia Puga |
-
A familia do 'narco' Antonio Caballa "siempre tuvo el dinero en casa" porque "no le gusta tratar con los bancos"
Por Natalia Puga |
-
Coches, motos e terreos millonarios, todo comprado en cash pola familia de Antonio Carballa
Por Natalia Puga |
-
Xulgan a Antonio Carballa, a súa familia e outros tres homes de palla por branquexar diñeiro do narcotráfico dende 1994
Por Redacción |