Corea recibe a Pontevedra con honras: "Queremos parecernos", di o alcalde de Jeonju
Por Redacción
A aspiración da cidade de Jeonju, en Corea do Sur, é achegarse aos estándares de calidade urbana de Pontevedra. Así o destacou o seu alcalde, SeungSu Kim, durante unha rolda de prensa celebrada na súa cidade con motivo do inicio do congreso World Slowness Forum & Awards 2017, no que a Boa Vila recibirá un novo premio.
"Queremos que Jeonju se pareza á mellor cidade do mundo, que neste momento é Pontevedra", sinalou o rexedor desta cidade surcoreana, que ten máis de 650.000 habitantes.
Na súa intervención, destacou a importancia de facer unha cidade peonil e amigable, desterrando os vehículos, por iso un dos seus obxectivos como alcalde de Jeonju é conseguir unha cidade máis camiñable e con mellores prácticas urbanas.
Neste encontro con xornalistas participou tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que resumiu que nos últimos 18 anos en Pontevedra "consideramos que o sensato era recuperar o espazo público para as persoas, que naquel momento estaba sendo invadida polos coches".
"Acordamos pór sobre a mesa o dereito dos cidadáns a gozar da súa cidade e a deixar pasar os coches necesarios para manter unha cidade dinámica e compatible cunha gran calidade de vida", explicou Fernández Lores.
O alcalde de Jeonju aclarou que mañá asinará un acordo co seu homólogo de Pontevedra para fomentar a colaboración entre ambas cidades "porque temos un montón de cousas que intercambiar, xa que queremos que a nosa cidade sexa máis peonil e amigable como Pontevedra".
A conferencia de prensa, que se estendeu durante case unha hora, celebrouse nas instalacións de Jeonju Hyanggyo, unha antiga escola confuciana moi ben conservada que data de hai máis de 400 anos. É un espazo patrimonio cultural considerado tesouro histórico.
Previamente, o alcalde e o intendente da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, fixeron unha visita polo Wanpanbon Culture Center, próximo ao Jeonju Hyanggyo, para coñecer o traballo de recuperación de antigas publicacións coreanas impresas con táboas de madeira.
Xa pola tarde, logo dunha comida oficial, toda a delegación que mañá participará no encontro internacional das Cittaslow (con asistentes de Italia, Xapón, Australia) participaron en dous actos tradicionais coreanos como convidados especiais da cidade de Jeonju. Foi no pobo Hanok de Jeonju, barrio tradicional onde se atopan máis de 800 vivendas de estilo coreano.
No primeiro asistiron ao desfile de traxes rexionais realizados por deseñadoras locais e, incluso, chegaron a vestir e a desfilar con eles como sinal de recoñecemento, e o segundo foi a tradicional cerimonia do te que se celebrou nunha construción típica no alto do pobo Hanok.
Relacionadas:
-
Pontevedra agarda atraer turistas coreanos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra recolle en Corea o primeiro premio das Cittaslow
Por Redacción |
-
Pontevedra e Jeonju declaran, vía convenio, ser "cidades amigas"
Por Redacción |
-
Pontevedra xa está en Corea do Sur para recoller un novo premio á cidade
Por Redacción |