Pontevedra agarda atraer turistas coreanos
Por Alejandro Espiño
A recente visita do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a Corea para recibir un novo premio ao modelo urbano da Boa Vila foi "moi positiva", segundo explicou este martes o propio rexedor. Non só pola proxección da cidade no exterior senón polos retornos "de todo tipo" que espera lograr para Pontevedra.
Corea, sinalou Fernández Lores, é un país "emerxente" e cunha capacidade económica "evidente". Os seus habitantes, cada vez en maior medida, viaxan fóra das súas fronteiras e Europa está entre os mercados de maior expansión. "Viaxan moito", engadiu o alcalde, que espera que grazas a esta visita Pontevedra sitúese entre os seus destinos preferentes.
A repercusión da visita á cidade de Jeonju, capital dunha área metropolitana duns tres millóns de habitantes, foi "moi grande" na prensa coreana, segundo explicou Lores mostrando os recortes dos xornais de tirada provincial nos que saíu Pontevedra e o premio logrado polas súas boas prácticas en materia de mobilidade.
Así, o alcalde de Jeonju chegou a cualificar a Pontevedra como a "cidade do futuro" e desfíxose en eloxios cara á localidade galega, que el mesmo visitou hai apenas dous anos.
Ambas as cidades, ademais, asinaron un convenio de colaboración no que poñen as bases para un intercambio amigable, profundando nun traballo conxunto en materia turística, urbanística ou económica, entre outras cuestións.
Xunto co premio recibido no marco do congreso Cittaslow, Fernández Lores trouxo a Pontevedra un agasallo que lle fixo persoalmente o alcalde de Jeonju, un tigre de terracota que, segundo a tradición, protexe dos malos espíritos e afasta os incendios forestais.
Relacionadas:
-
O alcalde de Elche recibe a Lores e xuntos analizan como recuperar espazos urbanos para as persoas
Por Redacción |
-
Angola, primeiro país de África que se interesa polo modelo urbano
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Cádiz ve en Pontevedra o "mejor referente" dunha cidade "amable, segura y dinámica"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra recolle en Corea o primeiro premio das Cittaslow
Por Redacción |
-
Pontevedra e Jeonju declaran, vía convenio, ser "cidades amigas"
Por Redacción |
-
Corea recibe a Pontevedra con honras: "Queremos parecernos", di o alcalde de Jeonju
Por Redacción |