Pontevedra xa está en Corea do Sur para recoller un novo premio á cidade
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xa está en Corea do Sur. Neste país asiático recollerá un novo premio ao modelo urbano da Boa Vila. Trátase dun galardón que entrega Cittaslow, un colectivo de cidades que apostan pola mobilidade amable.
O premio será entregado o xoves 2 de novembro en Jeonju, cidade de 750.000 habitantes situada no centro de Corea do Sur, a onde se trasladará o alcalde, acompañado do xefe da Policía Local, Daniel Macenlle.
Cittaslow International é unha rede de cidades que teñen como premisas a protección da ecoloxía natural da cidade, promover a cultura tradicional, conservar os produtos e as artesanías locais ou e incrementar a calidade de vida dos veciños.
Así, apostan por un crecemento económico máis lento e sostible para que as sociedades sexan máis humanas e os seus residentes máis felices, fronte a un crecemento a gran velocidade "que acabou sacrificando as almas das cidades e dos seus residentes", segundo o Concello.
Representantes de Cittaslow estiveron en xuño de 2016 en Pontevedra coñecendo a cidade. Naquel momento xa convidaron ao alcalde a participar neste foro de novembro, convite que chegou a Pontevedra acompañado dun novo premio, na categoría de mellor práctica por "impulsar unha mobilidade para facer unha cidade mellor".
Para o mércores está previsto un encontro con medios de comunicación locais e internacionais, ademais de varias visitas á cidade de Jeonju para coñecer as tradicións locais e as diferentes prácticas que o concello coreano puxo en marcha para mellorar a vida dos seus cidadáns.
Na xornada do xoves será o momento no que Pontevedra reciba o premio á mellor práctica por pór en marcha unha mobilidade que mellora a cidade e a vida dos seus habitantes. Será no transcurso dunha xornada matutina na que está prevista que o alcalde dea unha conferencia aos presentes explicando o modelo de Pontevedra.
Estará acompañado doutros alcaldes como o de Jeonju, SeungSu Kim; do alcalde de Seúl, Wonsoon Park e o alcalde da cidade italiana de Asolo, Mauro Migliorini. Tamén estarán presentes nas conferencias diversos representantes de todo o mundo das Cittaslow: Corea, Xapón, Australia, Polonia ou Taiwán.
Está previsto tamén que na xornada do xoves os tres alcaldes presentes asinen un acordo, a modo de irmandade, na que se comprometerán a continuar traballando nesta liña en beneficio dos veciños de cada unhas das cidades que dirixen.
Relacionadas:
-
Pontevedra recolle en Corea o primeiro premio das Cittaslow
Por Redacción |
-
Pontevedra e Jeonju declaran, vía convenio, ser "cidades amigas"
Por Redacción |
-
Corea recibe a Pontevedra con honras: "Queremos parecernos", di o alcalde de Jeonju
Por Redacción |
-
Lores, de Santander a Irún para promocionar o modelo de cidade
Por Redacción |
-
Técnicos de Cascais estudan o modelo urbano de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Simón Ko, embaixador de Taiwan en España: "Pontevedra ten moito espazo público para a xente. É interesante"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |