Lores, de Santander a Irún para promocionar o modelo de cidade
Por Redacción
Santander e Irún. Son as dúas paradas que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo nas últimas horas para falar do modelo de cidade.
A cita máis importante foi na cidade vasca onde presidiu a quinta edición do congreso Cidades que Camiñan. Ata alí chegou tras participar nas xornadas de urbanismo que promove o goberno cántabro xunto ao Colexio de Arquitectos de Cantabria.
Fernández Lores mantivo un encontro cun grupo duns 30 arquitectos cántabros na sede cultural do seu colexio oficial baixo o título "Vida urbana, vida humana". Compartiu mesa redonda coa filósofa Susana Jiménez, impulsora do Paseo de Jane en Madrid, a arquitecta cántabra Clara del Cerro e o alcalde de Santa Cruz de Bezana, Pablo Zuloaga.
Durante catro horas, os participantes falaron de diversas cuestións relacionadas co modelo urbano, os procesos de participación social, as relación das cidades centrais coas áreas metropolitanas ou territoriais próximas e o papel que debe xogar a planificación nos procesos de transformación das cidades.
Alí, Lores mostrou a experiencia pontevedresa como unha acción "holística" ou o resultado dun traballo de carácter global no que se tocaron a práctica totalidade dos aspectos que inciden na calidade de vida das persoas, o que a diferencia dos procesos de simple peonalización ou melloras da accesibilidade que se levan a cabo en moitas cidades.
"En Pontevedra traballamos con conceptos e filosofía global, atendendo a un tempo ao incremento do espazo público, a seguridade viaria, a procura dun entorno máis sá, a cidade dos nenos e nenas, a vida independente das persoas con dificultades de mobilidade, o comercio de proximidade, o ciclo da auga, a seguridade pública, a cultura e a vitalidade das rúas... está sendo un labor que abrangue a practicamente toda a xestión municipal", destacou.
Relacionadas:
-
Lores: "A política e os municipios teñen que comprometerse moito máis en defensa do hábito de camiñar"
Por Redacción |
-
Pontevedra xa está en Corea do Sur para recoller un novo premio á cidade
Por Redacción |
-
Técnicos de Cascais estudan o modelo urbano de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Simón Ko, embaixador de Taiwan en España: "Pontevedra ten moito espazo público para a xente. É interesante"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ganemos Salamanca, disposto a "exportar" á súa cidade o modelo urbano de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |