Lores: "A política e os municipios teñen que comprometerse moito máis en defensa do hábito de camiñar"
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, animou este xoves a todos os presentes no congreso anual da Rede de 'Cidades que Camiñan' a traballar no empoderamento das cidades para avanzar con máis decisión e confiou nesta rede ese papel potenciador da 'camiñabilidade'.
Esta arenga realizouna en Villanueva de la Serena (Badajoz) con motivo da súa participación na mesa redonda 'Empoderamento peonil e valentía política' no congreso anual da Rede, que, ademais, el preside como alcalde de Pontevedra.
Durante a súa intervención, insistiu en que "a política e os municipios teñen que comprometerse moito máis en defensa do hábito de camiñar, reducindo o espazo destinado aos vehículos e ampliando o dedicado ás persoas", pois "só así poderemos ter cidades diferentes, de maior calidade e non entregadas ao automóbil".
Lores estivo nesa mesa redonda con representantes das cidades extremeñas de Herrera del Duque e Villanueva de la Serena e enmarcou a decisión de transformar as cidades no ámbito global, seguro de que "é unha tendencia en todo o mundo mellorar a vida nos espazos urbanos e ten que ser a presión social e a decisión política capaces de mudar esa situación promovendo cidades para todas e todos".
No congreso presentáronse as experiencias das cidades premiadas, o que serviu para poñer en común a idea de que a transformación pode realizarse en calquera cidade sexa cal sexa o seu tamaño. Este ano entregáronse os premios ás cidades de Cádiz, Carballo e Herrera del Duque.
A asamblea xeral da rede acordou lanzar esta organización municipalista como entidade de opinión sobre a potenciación da 'camiñabilidade' nas cidades reforzando o seu staff técnico e promovendo novas accións que reforcen o seu papel de referente das cidades que se convirten en espazos urbanos amables.
'Cidades que Camiñan', entidade presidida por Lores, é unha rede que agrupa a case 40 municipios de España e Portugal que en conxunto a conforman máis de 3 millóns de habitantes. Ademais de Pontevedra, participan na rede cidades como Sevilla, Cádiz, Córdoba, Irún, Ciudad Real, Maó ou Torrelodones.