A "segunda oportunidade" na vida tras sufrir dano cerebral adquirido
Por Redacción
O Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud Pontevedra celebrou este xoves o Día Europeo do Dano Cerebral Adquirido con pacientes e familiares, nunha xornada na que tres pacientes da Unidade de Dano Cerebral relataron a "segunda oportunidade" que lles deu a vida tras un período de neurorrehabilitación integral.
Luís Gonzaga, profesor de tecnoloxía nun instituto de Vilagarcía, explicou que "volvín nacer" despois de seis meses de neurorrehabilitación intensiva. Tras unha operación, estivo en parada cardiorrespiratoria durante 20 minutos, o que lle provocou alteracións cognitivas e debilidade muscular xeneralizada. Na actualidade, é independente. "Podo falar perfectamente, vexo mellor e fago unha vida normal", apuntou.
O seu compañeiro Alfonso Rodríguez, funcionario de prisións en Vigo que sufriu un ictus no seu domicilio, lembrou as súas dificultades de mobilidade. "Non podía andar, entrei en cadeira de rodas e en dúas semanas de rehabilitación no Lokomat volvín camiñar", explicou. Aínda que continúa coa recuperación, pode realizar tarefas de maneira independente. "Recollo aos meus fillos no autobús, podo saír a pasear cos meus amigos e a miña familia", relata.
Pola súa banda, Pilar Blanco é unha veciña de Pontevedra que sufriu múltiples lesións no cerebro tras ser atropelada por un autobús durante as súas vacacións. "Fixen rehabilitación en todas as áreas" sinalou. "O balance é moi positivo porque aprendín a escribir de novo, a camiñar, e aínda que aínda teño secuelas considérome moi afortunada", afirmou.
A continuación, familias, pacientes e profesionais compartiron un viño galego baixo unha instalación 3D realizada por Alento e alumnos do CEIP Viñas e As Doroteas, inspirada na ilustración de paxaros de papel de Iñaki Muñoa, usuario de ATECE-Guipuzcoa. Tamén asistiron a concelleira de Asuntos Sociais, Rosa Rodríguez; o xerente de Quirónsalud Pontevedra, Óscar Alonso e a directora médica, Mar Vélez.
Relacionadas:
-
Sufriu un accidente de tráfico? Elixa un hospital que ofreza asistencia integral
Por Noticia patrocinada |
-
Quirónsalud Miguel Domínguez amplía Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo con especialistas en técnicas minimamente invasivas
Por Redacción |
-
VIDEO.- Sorpresa polo Día do Pai: Hugo xa camiña só
Por Alejandro Espiño |
-
O doutor Emilio Rodríguez Sáez dirixirá a Unidade de soño e neurofisioloxía clínica do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez
Por Redacción |
-
O Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud Pontevedra conta co único Lokomat adaptado para pediatría de Galicia
Por Redacción |