VIDEO.- Sorpresa polo Día do Pai: Hugo xa camiña só
Por Alejandro Espiño
Os prognósticos médicos eran claros. Hugo non ía poder camiñar só. Naceu con parálise cerebral e, nun principio, o futuro non parecía ser moi halagüeño para o pequeno. Pero grazas á súa forza de vontade superou todas as expectativas.
E para celebralo, os seus compañeiros do colexio A Laxe de Marín decidiron gravar un vídeo. Nel, ven os progresos de Hugo -que cumprirá proximamente os cinco anos- e, animado polos seus amigos, demostra que xa é capaz de moverse só, sen a axuda de ninguén.
Toda unha sorpresa polo Día do Pai, co que Hugo quixo agradecer o agarimo e o apoio que sempre recibiu dos seus.
Especialmente importante foi o momento no que, a pesar do diagnóstico, os pais de Hugo decidiron que o pequeno merecía unha segunda oportunidade e comezou a ser tratado no centro de rehabilitación que Amencer-Aspace ten en Pontemuíños.
Hugo foi mesmo un dos primeiros nenos que atendeu a unidade 'Primeiros Pasos', destinada principalmente ao desenvolvemento neurolóxico de nenos e nenas de entre 0 e 6 anos.
Con este vídeo, difundido pola familia de Hugo, os pais queren animar a todas aquelas persoas que se atopen na mesma situación de que eles, para que crean en si mesmos e nos seus fillos e que non se rendan xamais, por moi adverso que sexa o diagnóstico médico. Hugo non o fixo e estes son os resultados.
Relacionadas:
-
A "segunda oportunidade" na vida tras sufrir dano cerebral adquirido
Por Redacción |
-
A vida cotiá das persoas con parálise cerebral, en 21 instantáneas
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Así celebraba Hugo cos seus compañeiros de clase o Día da Nai
Por Redacción |
-
A mellor tosta, ademais de estar moi rica, é solidaria
Por Redacción |
-
A discapacidade intelectual non é un obstáculo para ser funcionario
Por Redacción |
-
Hugo e a súa nai, gañadores do concurso "En ASPACE cociñamos xuntos"
Por Redacción |
-
Os 'primeiros pasos' de Hugo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |