Deteñen dous veciños do Vao que recibiron a Policía a pedradas na última redada
Por Natalia Puga
Os investigadores da Policía Nacional deron importantes pasos de cara a esclarecer o acontecido no poboado de choupanas do Vao na mañá do luns 18 de marzo, na última redada con cinco detidos realizada neste "supermercado da droga" do sur de Galicia. Conseguiron identificar e deter dous veciños dos que supostamente recibiron a pedradas os axentes que realizaban o operativo.
Segundo informou a Policía Nacional, os detidos son dous veciños de Pontevedra de 24 e 52 anos, ambos os dous con antecedentes policiais. Acúsaselles como presuntos autores dun delito de atentado a axente da autoridade.
A identificación destes dous detidos foi posible grazas ás imaxes captadas polo helicóptero da Policía Nacional que sobrevoou o poboado durante todo o tempo que durou a redada e o rexistro dunha choupana na que se localizaron uns 48 gramos de heroína, 15 papelinas de cocaína, varias bolsas con recortes de droga e varios efectos tan distintos como motoserras, bicicletas ou piscinas inchables. O matrimonio propietario da choupana e a súa filla menor foron detidos.
Os axentes analizaron os videos gravados dende o helicóptero e as fotografías captadas dende este mesmo medio aéreo. Tras varias xestións, localizaron e procederon á detención destes dous individuos este xoves 4 de abril sobre as 11.00 da mañá. Ademais, continúan as xestións para tratar de identificar a todos os individuos implicados no altercado e non se descartan novas detencións.
Os feitos remóntanse ao día 18 de marzo cando axentes pertencentes á Comisaría Provincial de Pontevedra no marco dunha investigación levada a cabo polo Grupo de Tráfico Medio sobre varios individuos que se estarían a dedicar ao tráfico de drogas, entre eles, unha familia residente no citado poboado, levaron a cabo o cumprimento dun mandamento de entrada e rexistro domiciliario.
Unha vez no lugar os axentes, co apoio de axentes da Unidade de Intervención, o GOR (Grupo Operativo de Resposta) e o helicóptero policial, foron vítimas do lanzamento de pedras de grandes dimensións, ladrillos e outros obxectos contundentes e o intento de agresión con paus por parte dalgún individuo presente no poboado.
Os axentes durante o desenvolvemento do dispositivo sufriron ameazas de morte, insultos e fustigamentos continuos mentres levaban a cabo o seu labor, segundo informou a Policía Nacional.
Relacionadas:
-
Deteñen nas inmediacións do Vao un mozo que levaba en busca e captura desde 2011
Por Redacción |
-
A redada do Vao enmárcase na 'operación Papito', que empezou a investigarse hai tres meses
Por Natalia Puga |
-
A pedradas contra a Policía nunha redada con cinco detidos no Vao
Por Natalia Puga & Diego Torrado |