Deteñen nas inmediacións do Vao un mozo que levaba en busca e captura desde 2011
Por Redacción
Tras case dous anos en busca e captura, a Garda Civil de Pontevedra logrou deter ao mozo R.J.S., alias 'Chavoli', de 21 anos, sobre o que constaban varias ordes de detención, unha delas por estar implicado no apedreamento que sufriron varios axentes de policía durante a última redada no poboado chabolista de O Vao.
Detivérono sobre as 13:15 horas deste venres 5 de xullo. Unha patrulla do cuartel pontevedrés, que se atopaba en servizo pola estrada PO-531 (Pontevedra-Baión), deu o alto a unha furgoneta á altura do acceso á autoestrada AP9, na zona da Caeira. O vehículo ía ocupado por catro veciños do poboado e un deles non portaba ningún tipo de documentación.
O mozo deu a identidade doutra persoa, pero os axentes sospeitaron, segundo sinala a Garda Civil, "polo seu comportamento na conversación", que non era a persoa que manifestaba ser. Por iso, trasladárono ás dependencias oficiais para a súa identificación.
Tras realizar as probas pertinentes para a súa plena identificación, comprobaron que era o tal 'Chavoli', ao cal constábanlle varios señalamentos, o principal, unha orde de detención por estar implicado no atentado contra axente da autoridade no cal resultaron feridos varios axentes de policías na última redada no poboado chabolista de O Vao.
O resto de señalamentos eran de outubro de 2011, no cal a Policía Autonómica de Ourense requíreo para reintegro en centro de menores ao ter que seguir cumprindo condena aínda sendo maior de idade, posto que se fuxiu do centro; do Xulgado de Menores de Pontevedra para o seu ingreso no centro de menores de data xuño 2012, e a última de averiguación de domicilio e paradoiro do Xulgado de Instrución número 1 de Ourense por quebrantamento de condena de xuño de 2012.
Por este motivo procédese á súa detención e posterior traslado a centro de menores Monteledo (Ourense).