Comeza a remodelación da cuberta do patio exterior do colexio de Tenorio
Por Redacción
A Consellería de Educación acaba de comezar as obras de remodelación da cuberta da pista do patio exterior do colexio público de Tenorio, que será a derradeira actuación prevista no municipio para o presente curso académico ata completar un investimento global de 60.000 euros.
O inicio dos traballos foi visitado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que se interesou polo prazo de execución co obxectivo de perxudicar o menos posible o desenvolvemento da actividade escolar.
Esta actuación na pista deportiva do patio exterior permitirá que quede en perfectas condicións, substituíndo a anterior que se atopaba obsoleta, para que poida ser empregada polos alumnos no seu tempo de lecer e deporte nas épocas invernais de choiva.
Este investimento forma parte do proceso de mellora continua deste colexio. O pasado ano acometeuse a construción do muro de contención cara a estrada N-541, a renovación da fontanaría e o pintado.
Ademais, o concello tamén se beneficiou este mesmo verán doutra importante actuación de Educación no CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo, onde se renovou a tarima frotante de dúas aulas, procedeuse á substitución da caldeira xa que había dificultades para atopar pezas de reparación para a anterior e renovouse a carpintaría de aluminio para evitar filtracións de auga e humidades.
Ante esta nova mellora, Cubela quiso agradecer "o enorme esforzo" que está a facer Educación cos centros educativos de Cerdedo-Cotobade "para telos nas mellores condicións" e lembrou que para o goberno local a situación dos colexios e institutos "é unha prioridade e por iso sempre estamos enriba das súas necesidades e as trasladamos con axilidade e insistencia ante a consellería para que se leven a cabo canto antes".
Relacionadas:
-
O colexio de Tenorio será eficiente en materia enerxética a finais de 2019
Por Redacción |
-
Proxectan a mellora do servizo de abastecemento de auga de Tenorio
Por Redacción |
-
Paso decisivo para reformar as antigas vivendas dos mestres de Cerdedo
Por Redacción |
-
Exame ao estado das obras nos colexios de Cotobade
Por Redacción |